O colectivo Pataka estrea en Cambados

CAMBADOS

xoan a. soler

Nove artistas asinan unha escolma na que caben a escultura, a pintura, o deseño gráfico a fotografía e o traballo con tecido

30 nov 2018 . Actualizado a las 22:31 h.

Inauguración, este venres • 20 horas • Sala de Torrado (Cambados) • Entrada libre • O colectivo artístico Pataka nace do Faladoiro Pataka, un grupo de persoas relacionadas coa arte, que se xuntaban no bar do mesmo nome e crearon o que deron en chamar un «pachtword». Das palabras pasaron aos feitos e o resultado e a súa primeira exposición colectiva, que se estrea mañá en Cambados e asinan Alfonso Rivero de Aguilar, Andreas Ruíz, Vicente Ruíz, Camilo Seira, Carita Dubrovin, Jorge Agra, J. Méndez, Pilar Feás e Ramón Conde.

Carita Dubroni recorre ao tear e á máquina de coser como medio de expresión artístico mentres que Vicente Ruíz demostra que tamén se pode facer arte dándolle unha nova vida a materiais atopados, por exemplo, no mercado. Andreas Ruíz esculpe coa técnica Codeco, pasando do mundo analóxico ao dixital e recorrendo, moitas veces, ao cemento, «que el acaba traballando a modo de lenzo sobre o que debuxar e pintar», segundo explica Pilar Sampedro, membro do Faladoiro Pataca.

En canto á obra de Camilo Seira, tan pronto pode formar parte do mobiliario urbano como expoñerse no Museo do Pobo Galego. As súas materias primas son o bronce, o ferro, a pedra e madeira policromada e o aluminio. Escultura presenta, tamén, Ramón Conde, autor coñecido, sobre todo, por esas gorduras «que lle serven para conceptualizar e argumentar recoñecéndoo e distanciándose».

A Alfonso Rivero de Aguilar gústalle traballar a pedra, que amosa ás veces con «ese brutismo ancentral en figuras que nos lembran os tótems primitivos», subliña Pilar Sampedro.

Do mundo do deseño gráfico e da cultura pop art provén Jorge Agra, un home do Salnés que ten traballado con Berride e Antón Patiño, que frecuentou o Madrid nos tempos da movida. «Sen querer, porque el non quere, achega unha mirada crítica a cada momento histórico, a mirada do que observa desde os medios de comunicación ou a publicidade, da arte ou as iconas de cada momento. As súas obras poderían ser un termómetro de cada tempo», engade Sampedro. J. Méndez ou Pitelos xoga coa mitoloxía e o surrealismo, e o mosaico complétao Pilar Feás, unha artista que toca moitos paus: canto, literatura, pintura, fotografía e textil.