«Estase volvendo ao guitarreo, a non ser tan rebuscados e facer música máis visceral»
CAMBADOS
O sexteto compostelán de hard rock e hard blues actúa mañá na Krazzy de Cambados
26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Cando a finais do ano pasado veu a luz o seu disco homónimo démonos conta de ata que punto Mojo Experience son capaces de asimilar e rumiar as moi variadas influencias recibidas (hard rock, blues, soul, psicodelia...) para integralas nunha serie de poderosas composicións nas que todas elas se perciben sin que ningunha sobresaia. Daí a dificultade de definilos cun único adxectivo. Ata eles mesmo fracasaron no intento.
-Esa frase que acompaña o voso logo, «Explosive Blues Band», non queda xa un pouco imprecisa?
-Tiña sentido no momento que a puxemos. Daquela facíamos versións de blues clásico aínda que ao noso xeito. É certo que agora moita xente xa non nos cataloga como unha banda de blues pero é unha expresión que ten forza e un concepto que segue reflectindo de onde vimos. Hai algo de nostalxia en mantela e unha chiscadela á nosa identidade.
-Cal sería o propio para definir agora ao grupo?
-Hai quen fala de hard rock, hard soul, hard rock... E si, de todo iso hai. É unha mestura de estilos con tintes vintage. Aínda que nas novas composicións achegámonos un pouco máis á psicodelia. Temos un tema novo que me lembra moito a Pink Floyd (rise).
-Ten futuro o rock and roll así entendido?
-Hai algúns anos dicíase que o rock estaba morto, que a xente non compraba guitarras. Hoxe creo que se está volvendo ao guitarreo. Ao non facer cousas demasiado complexas. Non simples, pero a non rebuscar tanto. Buscar máis o visceral.
-Como foron estes meses dende que saiu o disco?
-Bastante ben. Houbo unha boa resposta. No que vai de ano levamos dez concertos e de aquí a xuño temos outros seis. A semana pasada estivemos en Bilbao e en Zaragoza e tivemos moi boa acollida.
-Que tipo de público vai aos concertos de Mojo Experience?
-Hai de todo. En Bilbao, por exemplo, houbo moita rapazada, xente que coñece esta música a partir dos revivals. E en Zaragoza eran todos veteranos, xente que mamou aos orixinais.
-E os festivais?
-Algún hai. Pero isto é unha carreira de resistencia. Hai que intentalo e intelao e intenalo ata que alguén, de súpeto, no mail 339, se interese por nós e nos chame.