O Concello de Cambados abre a liña de axudas á rehabilitación de vivendas

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A partida conta cun fondo de 113.000 euros 

02 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados vén de abrir a convocatoria para que os veciños da localidade poidan solicitar a nova partida de axudas a fondo perdido para a conservación de edificios e de vivendas na área de rexeneración e renovación urbana cambadesa. En definitiva, para o parque inmobiliario antigamente recollido nas ARI, recordaba onte o concelleiro de Patrimonio, Liso González.

O edil nacionalista informa que o fondo aberto conta con 113.000 euros, procedentes do Plan Estatal de Vivienda 2018-2021, prorrogado no seu día ata o 2025, con 90.000 euros a cargo do Ministerio de Fomento e os 23.000 restantes da Xunta de Galicia.

Dúas son as liñas subvencionables. A 1, correspondente á rehabilitación, conservación, mantemento e mellora da seguridade, co abono dun 50 % dos gastos da obra ata un máximo de 12.000 euros. E a 2, para actuacións de mellora da eficiencia enerxética dos inmobles, cubrindo o 50 % do total ata 16.000 euros. Nesta última, o custe cuberto chega ao 75 % se a vivenda ten residentes discapacitados ou maiores de 65 anos se a obra está destinada á mellora da súa accesibilidade.

Máis aló de atoparse na zona correspondente a esta liña de axudas, a condición para acceder a ela é que os ingresos da unidade familiar solicitante sexan tres veces inferiores ao IPREM, informa Liso González. O concelleiro de Patrimonio sinalou que a partida chega máis tarde do que agardaba e que foi así porque, di «o crédito estaba caducado co cambio de anualidade». O seu departamento, engade, procedeu a «facer limpeza nas bases, porque eran moi complexas, facéndoas máis sinxelas para que a xente non se asuste e se interese por elas». O técnico municipal de Patrimonio aclararálles calquera dúbida aos interesados.