O circo de rúa, a primeira aposta de Cambados para o seu programa cultural do Verán

La Voz DATA / AGENCIA

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A primeira cita será o xoves 4, na praza do Concello. Ás nove da noite chegará Máis saabor!, de Culturactiva

27 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o 4 e o 14 de xullo, desenvolverase en Cambados Clownbados, unha proposta cultural que xira arredor do circo de rúa. O concelleiro Liso González explicou onte que esta actividade é a primeira dunha serie de eventos culturais que o goberno local quere consolidar no calendario da vila. E como con ela se estrea o verán e as vacacións, desta volta buscouse un tipo de espectáculos que puidera ser gozado en familia.

Clownbados desenvolverase nesta súa primeira edición no centro da vila, aínda que a intención é que o vindeiro ano poida chegar ás parroquias rurais. O programa inclúe actuacións itinerantes e outras que non o son, e que se repartirán entre as prazas de Fefiñáns, do Concello e de Ramón Cabanillas. Imos velas.

A primeira cita será o xoves 4, na praza do Concello. Ás nove da noite chegará Máis saabor!, de Culturactiva. O día seguinte, tamén ás nove da noite pero en Fefiñáns, o Mago Teto tomará o escenario con Rock&Magic. O domingo haberá sesión dobre. Ás oito da tarde, polas rúas da vila, andará a xente de Máis Ritmo con Trío Detrés. E ás nove, a compañía arxentina Cía a Tope ocupará a praza do Concello con Shh. O venres 12 haberá tamén sesión dobre, con Troula Animación abrindo boca e o grupo andaluz Vol e Temps servindo, en Fefiñáns, o espectáculo Distans. O sábado, a Charanga Mil Nove será a que empece a tarde, para darlle o relevo ao grupo brasileiro Kanbahiota con Volando Vengo. Ese domingo, Dani García pechará primeira esta edición do Clownbados con Don Gelati.