As relacións tóxicas e as mulleres do mar, as dúas caras dos actos do 8M en Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

OSCAR VíFER

A artista cambadesa Iria Ribadomar elaborou o cartel e participará nun faladoiro

26 feb 2025 . Actualizado a las 16:38 h.

A concelleira de Igualdade de Cambados, Mar Pérez (BNG) presentou este martes as actividades que se van desenvolver nesta vila arousá co gallo da celebración do Día da Muller. A programación, sinalou, xira arredor de dous eixos: a educación e a homenaxe a un colectivo de mulleres fundamental para a localidade: as mulleres do mar.

Co convencemento absoluto de que a educación é o mellor camiño para conseguir erradicar a desigualdade cimentada no sexo, o departamento que dirixe Mar Pérez vai centrar unha vez máis boa parte da súa actividade nos centros de ensino cambadeses. Nesta ocasión, a campaña leva por título Dieta E-Tox, Fuxe das relacións tóxicas. «Esta concellería ven de convocar a todos os centros de ensino á concentración polo 8M, que se adiantará ao venres 7, ás doce da mañá na praza do Concello. Nesta concentración darase lectura dos reivindicativos —e seguro que ben creativos— manifestos dos grupos asistentes; un excepcional grupo de música de corda do conservatorio deleitaranos cunha peza que están a ensaiar con moito entusiasmo. Contaremos ademais con agasallos para todas as persoas asistentes», explica Pérez. Detalla, ademais, que se vai repartir un «cuestionario da dieta E-Tox, cun lapis de agasallo para cubrilo...», e repartiranse adhesivos con distintos lemas.

O segundo eixo arredor do que xirarán os actos do 8 de marzo en Cambados teñen que ver co mar. O departamento que dirixe Mar Pérez sinte «real consideración e admiración por estas mulleres que, ademais de ser o motor básico e fundamental da economía da localidade, foron capaces de organizarse e formar unha asociación. Por non falar de que o seu traballo as converte en mulleres libres, con solvencia e independencia económica». Así que xusto é facerlle un recoñecemento colectivo. Tomará este a forma «dun contiño sobre elas que se presentará na confraría o 21 de marzo ás oito da tarde, e que logo se distribuirá entre o alumnado de Primaria» dos centros da vila.

As mulleres do mar son tamén protagonistas do cartel elaborado polo Concello co gallo do 8M. Leva este a sinatura da cambadesa Iria Ribadomar, quen o 14 de marzo, as oito da tarde no Brothers, manterá un encontro interactivo con quen queira achegarse ao seu traballo e descubrir «aspectos da súa andaina, que non saen en Internet».