Os cambadeses poderán realizar gratis os cursos online de Foro de Formación
CAMBADOS

A Concellería de Ensino de Cambados anunciou onte, da man do seu titular, Liso González (BNG), un acordo coa empresa Foro de Formación que lles permitirá aos veciños da vila do albariño a realización de decenas de cursos de capacitación laboral ofertados polo mencionado portal.
Liso González salientou os máis de 30 anos de traxectoria de Foro de Formación nesta materia. Tamén que se trata de «cursos avalados pola Fundación Estatal para la Formación del Empleo e polo propio SEPE do Ministerio de Trabajo y Economía Social», ademais de que «este tipo de formación está concentrada nas grandes cidades, e inda que é online, nunca chega a localidades do tamaño de Cambados».
O abano de cursos de formación é do máis amplo, desde preparación agrícola e de medio ambiente ata química, limpeza, igualdade, novas tecnoloxías, seguridade alimentaria, impresión 3D ou sanidade, con duracións de 20 a 200 horas.