O Concello de Cambados recupera a súa carreira popular de 10.000 metros

CAMBADOS

A proba faráse o domingo 28 de setembro, co club local á fronte da loxística
20 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os amantes do atletismo afeccionado teñen unha nova data pola que optar no seu calendario de competición. Tras varios anos en barbeito, a Carreira Popular 10K Concello de Cambados vivirá a súa décima edición. Será o último domingo deste mes, día 28, coa Administración local organizando a proba deportiva coa necesaria colaboración do Clube Atletismo Cambados e da Deputación de Pontevedra.
Unha subvención de 5.000 euros desta última solicitada pola Concellería de Deportes de Cambados fixo posible a reactivación da cita popular. Iso, e o compromiso do club local de poñer o persoal preciso para, xunto coa Asociación Condado de Taboada, reunir medio cento de voluntarios que farán posible toda a loxística necesaria o día da carreira, explicou a concelleira de Deportes cambadesa, Noelia Gómez.
Acompañada polo adestrador da escola do Clube Atletismo Cambados, Quinso Rodiño, e do técnico do seu equipo sénior e da sección de running, Maxi Oubiña, Gómez agradeceu onte na presentación da proba na praza de Fefiñáns a axuda da entidade deportiva, que xunto os voluntarios da Asociación Condado de Taboada se ocuparán desde o valado do trazado e o corte das rúas afectadas ata o avituallamento e a asistencia aos corredores que precisen de calquera tipo de atención en ruta.
Os participantes na categoría raíña, reservada a corredores de 18 anos en diante, con clasificación sénior e catro para os máster —a partir dos 35 anos—, deberán dar dúas voltas ao circuíto urbano elixido. Con saída e chegada á emblemática praza de Fefiñáns, os atletas continuarán cara O Pombal, para avanzar por San Tomé á par do paseo, subir a estrada xeral e atravesar as avenidas Vilariño e Madrid. Un percorrido «chan e bonito, interesante para xente que se prepara para probas máis duras ou para os que queren desfrutar» dun escenario como o do casco histórico da vila do albariño, salienta a súa concelleira de Deportes.
A décima Carreira Popular Concello de Cambados terá outras seis distancias. De 5.000 metros para os atletas xuvenís, que tomarán a saída á mesma hora cos adultos, ás dez da mañá. Os cadetes e os infantís terán 1.600 metros por diante e hora de inicio ás once e media. Os alevíns correrán 800 metros a partir das doce menos dez da mañá. Vinte minutos despois partirán os benxamíns para percorrer 400 metros. E por último, os prebenxamíns afrontarán cen metros ás doce e vinte.
Últimos días para inscribirse
Os tres primeiros de cada categoría volverán ás súas casas con premio e todos poderán empregar o servizo de duchas que o Concello de Cambados habilitará no Pavillón Municipal do Pombal.
No seu afán por promover a práctica deportiva, o departamento que encabeza Noelia Gómez decidiu a gratuidade da participación agás para os corredores xuvenís, cun custe de 4 euros, e os adultos, que deben aboar 10. A inscrición permanecerá aberta na páxina web magmasports.es ata o vindeiro mércores, día 24, inclusive.
Desde a Concellería de Deportes quixeron salientar tamén o apoio á carreira das empresas de gran distribución alimentaria Gadis e Froiz, que doarán a totalidade da froita e das augas que os voluntarios repartirán entre os participantes na Carreira Popular Concello de Cambados.