Catoira consolídase como espazo de creación teatral galega

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

As compañías Ancoraxe e Vórtice Escénico ultiman no auditorio viquingo a obra «Heroes en decembro», que se representará de balde para a veciñanza

18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Catoira volve colocarse no mapa da creación escénica galega ao converterse, unha vez máis, en residencia artística. Durante esta semana, o auditorio municipal acolle os ensaios da obra Heroes en decembro, proxecto das compañías Ancoraxe e Vórtice Escénico que verá a luz o 26 de setembro na Mostra de Teatro de Ribeira.

Como parte da colaboración co Concello, que pon a disposición das compañías tanto o espazo como os medios técnicos, a veciñanza poderá gozar a principios de 2026 dun pase gratuíto da montaxe. «A aposta pola cultura galega está a dar froitos», sinala o concelleiro de Cultura, Raúl Gómez, quen subliña que a chegada continuada de colectivos escénicos sitúa a vila como «un referente no teatro do país» grazas tamén ao acordo de residencias co Centro Dramático Galego (CDG).

A directora da obra, Sara Rey, destaca a oportunidade que supón traballar en Catoira: «Aquí temos recursos técnicos que noutros lugares non están ao noso alcance. Ademais, a súa localización entre Vigo e Santiago fai que sexa un punto de encontro perfecto para nós». A peza naceu en 2023 como unha creación compartida por dúas compañías formadas na Escola de Arte Dramático de Galicia, e parte dun texto da dramaturga valenciana Eva Mir, gañadora do premio Calderón. Rey encargouse da adaptación e tradución ao galego.

Heroes en decembro aborda a saúde mental e o suicidio desde un prisma directo e valente. «Falamos de catro persoas que intentaron quitarse a vida e de como a ausencia do desexo de morrer non sempre significa recuperar o desexo de vivir», explica Rey. A directora alerta sobre a necesidade de romper tabús: «Non falar do suicidio non evita que exista; ao contrario, converte o problema en invisible».

O elenco está composto por Isabel Garrido, Marcos Grandal, Andrea Blanco e Ana San Fernando, con apartados técnicos a cargo de profesionais como «As dúas e punto» no deseño escénico, Berto Lozano nos audiovisuais ou Andrea Gagino na revisión lingüística. O resultado poderá verse en Catoira no inicio do próximo ano, nunha función gratuita para os catoirenses.