A Ruta do Albariño volve cun pelotón de 150 corredores con Meaño e con Cambados como puntos neurálxicos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

Martina Miser

O Memorial Teto contará esta fin de semana con 22 equipos de España e de Portugal e co seu tradicional trazado en tres sectores e dúas etapas

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Meaño presentou na mañá de onte por todo o alto a oitava edición da Ruta do Albariño Memorial Modesto Sánchez, Teto. Reunindo o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o seu responsable técnico, José Manuel Abalo, o cambadés Ernesto Falcón en calidade de director xeral da organización, o ciclista profesional vilagarcián Gustavo César Veloso, os alcaldes de Meaño, Carlos Viéitez, e de Cambados, Fátima Abal, o deputado provincial responsable da área de Deportes, Gorka Gómez e mais a filla de Teto, Cristina Sánchez. No acto deuse conta dos detalles dunha carreira que percorrerá as estradas do Salnés esta fin de semana. 

Foi o presidente da FGC, Juan Carlos Muñiz, o encargado de abrir a quenda de intervencións. Fíxoo facendo fincapé na relevancia do retorno dunha proba como a Ruta do Albariño Memorial Teto tras o parón do 2020 por unha pandemia inda non superada. Muñiz lembrou que se trata dunha carreira xuvenil e Sub 21, puntuable para o ránking nacional, rebautizada desde a súa anterior edición na honra dunha das maiores figuras da historia do ciclismo galego, o «mestre» cambadés Teto. Ademais, informou da ampla participación este ano. Con 150 ciclistas de 22 equipos, catro deles lusos, o Efapel, o Bairrada, o Bruno Neves e mais o Sseisa, unha ducia galegos, dous cántabros, dous castelán-leoneses, un asturiano e un madrileño.

Seguindo o seu trazado tradicional, a Ruta do Albariño arrincará o sábado cunha cronoescalada de 3 quilómetros entre Meaño e o Alto de Busto desde as 11, cun sector vespertino desde as 17 horas con saída e con chegada a Meaño con 65 quilómetros cun premio de terceira no Monte da Bouza no quilómetro 47, tras cruzar O Grove e Sanxenxo. O domingo, a carreira decidiráse pola mañá nos 92 quilómetros dun circuíto en Cambados que Ernesto Falcón dixo ser digno de calquera gran campionato ciclista.

O acto contou cun vídeo do corredor luso João Almeida, no Top 10 das dúas últimas edicións do Giro, lembrando o seu triunfo no seu día na Ruta do Albariño.

As autoridades políticas salientaron a colaboración entre concellos para sacar adiante unha cita cun notable impacto na hostalaría local, coas máis de 200 persoas do pelotón aloxándose en Meaño. 200 persoas que mañá pasarán un cribado de covid-19.