Un 5 % de galego nos camposantos de Meaño

m. a. MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

VÍTOR MEJUTO

A campaña Palabra e Memoria constata que das 187 lápidas de San Xoán e Simes, so nove están na nosa lingua

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña Palabra e Memoria, que quere estudar a presenza da lingua galega nas inscricións funerarias dos camposantos da comunidade, chegou ao municipio de Meaño. Grazas á labor da filóloga Patricia Sóñora, sabemos que esta localidade segue a mesma tendencia co resto de municipios e o galego está a ser unha lingua emerxente nos seus camposantos. De feito, actualmente xa está presente nun 5 % das lápidas dos cemiterios de Simes e San Xoán. Agora, a súa idea é continuar con este traballo de visualización no resto de camposantos da localidade.

Esta iniciativa, na que se leva traballando dende 1997, xa se levou a cabo noutras localidades arousáns, coma Cambados e O Grove. En Meaño é a filóloga Patricia Sóñora a que se está a ocupar de percorrer os camposantos e estudar as inscricións e epitafios que figuran nas lápidas. Ata o de agora, visitou e estudou os de Simes e San Xoán, onde das 187 lápidas que hai entre ambos, so o 5 % está en galego.

Na súa opinión, en Simes o proceso de recuperación do galego nas inscricións funerarias acaba de comezar e, das 77 familias que enterraron alí aos seus seres queridos, so unha elixiu a lingua de Rosalía para facelo. Máis avanzadas están as cousas en San Xoán de Meaño. Aquí hai 110 familias que teñen tumbas e oito delas «superaron o tabú que impedía redactar en galego as palabras de recordo», contan os responsables desta iniciativa. Isto supón que o 7,2 % das lápidas empregan o galego, unha cifra que é lixeiramente superior á medida galega. O traballo de Sóñora, licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago e mestra de Lingua, continuará nas próximas semana co estudo do resto de parroquias que hai no termo municipal de Meaño.