
A obra ten un orzamento de case medio millón de euros que financia a Deputación
05 jun 2025 . Actualizado a las 14:02 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, no marco do Plan Extra para a humanización da Rúa Igrexa, un espazo comprendido entre a Praza de España e a conexión coa EP-9402. O organismo provincial financia a totalidade dos máis de 480.000 euros dos que está valorada a obra.
O proxecto consiste na humanización da rúa a través da habilitación dun espazo para a mobilidade ciclista e peonil. «Unha intervención que busca unha mellora da seguridade viaria nunha contorna moi empregada como acceso a diversos equipamentos do Concello. Así mesmo, o proxecto tratará de poñer solución á falta de uso do espazo público por parte dos peóns a través da redución da velocidade nas estradas que atravesan o núcleo de Mosteiro», segundo informa a Deputación.
De xeito complementario está previsto o soterramento das redes de alumeado público, así como a substitución das luminarias actuais por outras máis eficientes con tecnoloxía led para mellorar a imaxe do viario. «Onde so circulaban vehículos, agora o poderán facer os peóns, é algo que sempre agradecemos nestes proxectos estratéxicos que subvencionamos», incidiu o presidente provincial.