Mecos e Amegrove organizarán a apertura da Liga Galega de Traíñas o 17 de xuño. A Mequiña recupera este ano a tripulación feminina na competición raíña do banco fixo
11 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Os clubs asociados da Liga Galega de Traíñas reuníronse na noite do xoves para decidir, entre outras cuestións, o precalendario de regatas da tempada 2017. E por segundo ano consecutivo, o terceiro na historia da competición, O Grove será o escenario da proba e do acto de presentación que servirán de apertura das tres divisións da LGT, a A e a B masculinas, e a Liga Feminina.
Organizado conxuntamente polos dous clubs locais, o C.R. Mecos e o Amegrove C.R., o arrinque da Liga Galega de Traíñas quedou programado para o sábado 17 de xuño. Cunha competición que servirá para definir a orde das quendas nas que se repartirán os equipos -12 na LGT-A na que están encadrados os tres clubs da banda sur da ría arousá- na primeira saída ao mar con puntos en xogo.
A frota autonómica da modalidade raíña do banco fixo non tardará en voltar ás augas de Arousa despois da primeira fin de semana puntuable, con probas en Oleiros e mais en Vigo baixo a responsabilidade do Salgado-Perillo e do C.R. Coruxo. O 8 de xullo disputaráse a XXXIV Bandeira Concello do Grove, a cargo do Amegrove C.R., e un día despois a Bandeira Virxe do Carme, coa intendencia da man do C.R. Mecos-Mondariz. E á semana seguinte, o sábado 15 de xullo, a XXIII Bandeira Concello de Vilagarcía terá no C.R. Vilaxoán o seu anfitrión.
Este mesmo club encargaráse da antepenúltima regata puntuable da LGT-A, na que será a terceira edición da Bandeira Parquitas de Carril.
Todas as bandeiras en aguas arousás serán valedeiras para a LGT Feminina, agás a Concello do Grove. A boa nova é que este ano as traíñas de mulleres fan máis que multiplicarse por dous, con Chapela, con Tirán e con Cabo de Cruz acompañadas desta volta polas embarcacións de Ribeira, de Cabana-Ferrol, de Salgado-Perillo e tamén de C.R. Mecos, que recupera o seu barco feminino tras a paréntese do 2016.
Os bateis, na Garda
Porén, aos remeiros da LGT quédalles inda moito por bogar ata o verán. Coa tempada de bateis levando as embarcacións da Territorial Sur esta tarde ata A Garda. A primeira saída das regatas está programada para as catro.