Non só pinta; Carlos Álvarez Besada abriu no Grove un espazo polo que ten pasado mesmo algún Picasso
28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos abre un caixón da súa mesa de traballo e saca un feixe de cadernos. Son libretas de coiraza de pel e papel groso. Nelas ten apuntado Besada todos os países do mundo nos que hai algunha obra súa. Hai máis de vinte destinos lonxanos. Dende o mexicano estado de Chiapas, ao moi norteamericano Nova Yorque. Dende a eterna Atenas á exótica Armenia. Dende Brasil a Portugal, sen esquecer nunca a pintura que voou do Grove para se instalar no Conservatorio Tchaikovsky, no frío Moscú. «A verdade é que xa teño uns cantos por aí, polo mundo», di Carlos levantando a vista da folla. Hai tempo que deixou de escribir nela: foi un exercicio de curiosidade que acabou aparcando porque precisa o tempo para outra cousa: pintar. «Dedícolle moitas horas ao día», recoñece. «Pinto moito, moito», volve repetir. Falamos con Carlos na que probablemente sexa a súa obra máis ambiciosa: a Galería Besada, un pequeno milagre nunha localidade que durante o inverno se move arredor dos dez mil habitantes.
A Galería Besada abriu as súas portas no 2012, pretendendo ser un espazo no que os veciños do Grove puidesen achegarse á arte, gozar dela. O día da inauguración xa houbo quen lle dixo que «a idea era moi boa, pero que ía fracasar». Daquela, Besada non quixo facer caso. Non só arrancaba a súa carreira como galerista, senón que tamén empezaba a darse a coñecer como artista, como creador. O seu, matiza, non foi exactamente unha vocación tardía. «A min sempre me gustou pintar. O meu pai pintaba, os meus tíos pintan... Sempre tiven cerca cabaletes e pinturas. O que pasa é que, aínda que me gustaba, tiña outros proxectos». É certo. Álvarez Besada, formado en debuxo técnico, consagrou moitos anos ao activismo político, e mesmo chegou a ser concelleiro de Cultura na súa vila.
Logo chegou o momento de buscar novos horizontes, e atopounos na arte, que sempre estivera aí. «Coa idea da galería xa levaba algún tempo», e no 2012 decidiu dar o paso. O espazo non só funcionou, senón que medrou: cando a súa nai pechou a histórica Librería Besada, a zona de exposicións deu un estirón, ocupou o lugar no que antes había libros, xornais, papeis e bolígrafos. O local non renunciou ao seu pasado: o cartel da Librería Besada preside a sala principal; a cadeira na que sentaba a súa nai detrás do mostrador está colocada no seu recuncho, canda o retrato que dela fixo o noso artista. Pero tampouco renuncia ao seu futuro, e a través do seu escaparate, Carlos Besada proxectou nunha das rúas de entrada ao casco urbano do Grove unha mensaxe de modernidade.
A nova galería Besada -antes libraría, antes mesmo imprenta- é un espazo fermoso, equilibrado. Nela hai, parece obrigado, obras de varios autores. Mesmo un Picasso ten pasado por aquí. Pero a firma que máis se repite é a do artista que traballa no pequeno cuarto que hai detrás do mostrador. «O meu estudo está no faiado, pero como paso tanto tempo aquí, tamén teño que aproveitar», explica. E non é un falar. Confesa Carlos Besada que é un artista afortunado: os seus cadros funcionan bastante ben nun mercado caprichoso. «En xeral, véndese moi pouca arte», di.
Non abandona Besada as obras de gran formato, que pinta porque si, porque quere, porque lle dá a gana e ás veces, tamén, por encarga. Pero, consciente de que determinadas pezas non están ao alcance de todo o mundo, ocorréuselle a idea de dedicar unha parte do seu tempo e do seu esforzo a explorar formatos máis pequenos. Acuarelas e óleos orixinais a prezos razoables. Porque, ao fin e ao cabo, se hai algo do que Besada está convencido, é de que hai que democratizar a cultura, poñela ao alcance da xente. Esa foi unha das razóns polas que abriu á galería, para aportar o seu gran de area a enriquecer a oferta cultural do Grove.
E parece que a xente responde ao seu convite. Despois da ampliación, a galería abriu as súas portas un pouco antes do Nadal. «Foi unha pasada. As acuarelas pequenas vendéronse un montón», relata el. Así que tivo que pintar moito para volver encher os estantes da nova tenda. Neles hai moito máis que cadros. Hai bolsas dende as que nos miran Rosalía e Maruja Mallo; hai cadernos con debuxos orixinais nas cubertas; hai mandilóns con mensaxe artístico incorporado... Tamén hai libros (estamos na librería Besada!) sobre O Grove e a súa xente, e a súa historia; imáns para as neveiras e mesmo cuncas para tomar un café con poso artístico.
Todo se nutre do talento e do traballo de Carlos Besada, que recoñece que deseñou este recuncho-tenda pensando en si mesmo, no que lle gusta ver e mirar e comprar cando vai polo mundo adiante. No que lle gustaría ver e mirar e comprar no Grove. Fáganlle unha visita. Xa me dirán.