Nove padexeiros arousáns buscan a gloria no Mundial de Maratón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Breogán do Grove

Tono Campos e Diego Romero defenden tres títulos en augas de Romanía

28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 20 de outubro cumpriránse dous anos desde que os grandes especialistas do piragüismo de maratón puideran medir as súas forzas por última vez. Case dous anos desde aquel Campionato do Mundo de Shaoxing, China, coprotagonizado polas dúas estrelas do Breogán do Grove na especialidade de fondo. O meco Tono Campos, campión na gran cita oriental no C1 estándar e no C2. E Diego Romero, que se colgou o ouro no C1 curto, co seu compañeiro de gloria na canoa dobre, Campos, facéndose coa prata.

Campos e Romero volven encabezar esta semana a selección española que desde este xoves e ata o domingo disputará o Campionato do Mundo en Bascov, Romanía. Un combinado hispano que contará con outros sete padexeiros arousáns, entre os que ten a boa parte das súas mellores bazas para sumar no medalleiro.

Máis da metade deses nove deportistas da comarca, cinco, competirán na categoría xuvenil. Coa canoísta Rosalía García de Dios, das Torres-Romaría Vikinga, abrindo a participación arousá o xoves ás 7.50, hora española, na proba de C1 Muller Júnior. 

Tamén o xoves, Diego Romero e Tono Campos serán os primeiros séniores do Salnés e do Baixo Ulla en entrar en competición. Na final do C1 curto desde as 15.30, hora española. Faráno como favoritos na súa condición de vixentes campión e subcampión do mundo da modalidade.

O venres será a quenda das embarcacións dobre júniores. Ese día o piragüismo arousán contará con tres opcións de medalla. Na final do K2 feminino, a padexeira do Náutico O Muíño de Ribadumia Lúa Cubiella Fernández formará parella con Sara Durán Piñeiro, do Cofradía de Pescadores Portonovo; mentres que Marta Mourelos Buezas, do Breogán do Grove, competirá con Sandra Leira Vidal, do C.N. Betanzos. Será na primeira final do día, a partir das 7.45, hora española. 

Desde as 13.05, Borja Castiñeiras Monteagudo e Carlos Gutier Picón Voces, do Náutico Pontecesures, disputarán a regata polas medallas co C2 Júnior masculino. Daniel Grijalba Guerrero e Juan Gómez Rodríguez, deportistas da Escuela Piragüismo Aranjuez, será a outra parella española en lid.

  

O regreso de Fernando Busto

Na terceira e penúltima xornada do Campionato do Mundo de Maratón coñeceráse os gañadores das probas individuais séniores. Na de canoa masculina, con España fiando a partir das 9.30, hora peninsular, as súas opcións de medalla ao defensor do título e tetracampión mundial do C1 estándar, Tono Campos, e mais ao catoirense das Torres-Romaría Vikinga Fernando Busto. Este último, co mérito de terse clasificado para a gran cita de Bascov logo de máis de dez anos sen remar nun C1.

Raro, moi raro será chegar ao domingo sen medalla arousá. Con todo, na xornada de clausura do Mundial, a selección española terá dúas firmes opcións de metal na parella formada por Tono Campos e Diego Romero. Os breoganistas optarán ao seu segundo título xuntos no C2 sénior nunha regata con inicio ás 7.50 e con outros dous galegos, o pontevedrés Óscar Graña e o betanceiro José Manuel Sánchez, ex compañeiros de barco internacional de Romero e de Campos, respectivamente, formando a segunda embarcación hispana.

Algo máis tarde, ás 11 hora española, a grovense do Breogán Tania Álvarez Yates volverá facer dúo coa luguesa Tania Fernández García pelexando por repetir podio e mesmo mellorar a súa prata en Shaoxing 2019 na modalidade do K2 sénior feminino. 

Campos, Romero, Mourelos e a compañeira desta última no K2 Júnior, Sandra Leira, abriron o camiño da selección española chegando o domingo a Romanía xunto co adestrador do Breogán do Grove, José Luis Otero Padín. A que finalmente non viaxará ao Mundial é María Pérez, do Náutico O Muíño, por unha lesión nun xeonllo.