De crer nos programas cos ollos pechados

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

O GROVE

Martina Miser

Os programas electorais vinculan menos que a publicidade

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Votamos hoxe pola Administración máis achegada. Decidiremos cal das papeletas introducimos na urna utilizando criterios ideolóxicos, clientelares, de simpatía ou programáticos. Todos son válidos pero atendendo non a unha lóxica racional, senón a un certo candor, deberiamos inclinar a nosa opción con fundamento nos programas presentados. Parece claro que sempre quereremos votar polo partido que propoña o que nos pareza mellor para o municipio. Pero non hai maneira de que xuridicamente os programas, que ninguén no seu san xuízo toma en serio, sexan considerados un contrato e só se cualifican como algo menos vinculante que a publicidade; menos porque un fabricante pode ser demandado cando o seu produto non se axusta ao anunciado, pero o político incumpridor é impune. Por iso convén saber que vén sendo un programa. Dínolo con claridade o propio dicionario, equiparando a palabra programa con proxecto ou intención. Nada máis. A lingua é sabia e, como vemos, non di que sexa unha obriga vinculante, nin tan só unha promesa.

O tema complícase se engadimos a esta primeira, e clarificadora, constatación lingüística, que os programas electorais son os instrumentos que pretenden dar lexitimidade ás campañas electorais porque sintetizan as razóns polas que un partido solicita o voto e son elementos fundamentais da democracia representativa, —a nosa democracia non está rexida por mandatos imperativos aos elixidos- nos que hai que crer inxenuamente, cos ollos pechados. É dicir: os partidos intentan gañar con candidatos e programas, pero diante da ausencia de normas que obriguen a levar a cabo as propostas, non queda máis remedio que identificalas con propaganda enganosa, pero consentida, que, en tantos casos, ilusiona á xente da mesma maneira que, por exemplo, os spots publicitarios das bebidas de cola baseadas en algo tan intanxible como a ilusión; ninguén cre que por bebelas se alcance a felicidade, e, sendo danosas, cómpranse. Legalmente o programa electoral non vincula como se fose un contrato, non existe obriga de cumprilo. É un calote aturado pola sociedade. O incumprimento non pode ser xulgado e só é fiscalizable a través das seguintes eleccións, nas que posiblemente ninguén lembre cal foi o programa. Ademais non está prevista unha esixencia elemental, como noutros aspectos da vida: non hai mandato legal que impoña algo tan lóxico como render contas polo quebranto dos programas. Habería que establecer ese trámite ao final de cada lexislatura. E para rematar de identificar aos programas cunha categoría menos vinculante que a publicidade, chéganos con constatar que eses inmensos listados de propostas non levan ningunha cuantificación económica: dinnos que van facer o que sexa, pero nunca nos explican como van pagalo. Puro fume, quimera colectiva.

Aínda así é certo que os programas electorais implican calidade democrática, permiten contrastar uns con outros, e danlle un plus de lexitimade aos que formen goberno, e, na mesma medida, é certo que o seu incumprimento destrúe as ilusións dos votantes e cando a cidadanía comproba a desviación entre os proxectos e o labor de goberno, xorde unha profunda desafección da clase política. Entón a cuestión é: sendo sabedores de que os programas non obrigan, como eliximos a cal outorgarlle o noso precioso voto?. Pois non che sei moi ben: propoño que o día das eleccións nos disfracemos de ilusos con esperanza e votemos polo programa que nos guste e como todos son parecidos, teñamos en conta aos candidatos que semellen fiables. Cerrando os ollos e con boa fe. Sen esquecer que Enrique Tierno Galván (1918-1986), político , sociólogo , profesor, insigne xurista, ensaísta, en fin, sabio, deixou dito que as promesas electorais están para non cumprirse. Sabémolo, pero sexamos ilusos.