Do Día Mundial do Turismo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

MONICA IRAGO

O uso do medio ambiente no poden seguir sendo de balde

24 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 27 de setembro celébrase o Día Mundial do Turismo e, despois do terremoto que supuxo o covid, o que busca a OMT é redefinir como debe investir ese sector para axudar a un futuro máis sostible para as persoas, o planeta e a prosperidade, co lema «Turismo e inversións verdes». Nestes momentos está a xurdir nos lugares con máis afluencia turística, como poden ser as Rías Baixas o Camiño de Santiago ou a propia urbe compostelá, un grave conflito veciños-turistas que hai que estudar sen descoñecer a importancia económica do turismo. Todos sabemos que é o turismo pero non está de máis lembralo. Non ten nada que ver coas grandes migracións prehistóricas e históricas, nin cos desprazamentos por razóns climáticas, económicas ou políticas, senón que hai que entendelo a través da etimoloxía da propia palabra turismo, que aínda que chegou desde o inglés e o francés, ten orixe no latino tornus, que é o mesmo ca volta, círculo e que en galego dou verbas como tornar, contorna ou retorno. E, por iso, turismo é unha viaxe de ida e volta, un desprazamento con retorno ao punto de partida. É dicir o turista chega, usa, consume e vaise para onde se sente de seu. Pero unha vella definición de turista, feita en 1933, esixe un plus. Di que é a persoa que volverá á súa casa, pero o diñeiro que gasta non lle pode vir do lugar que visita. E aí xurde un problema actual: hai turistas que non compren esta condición porque son económica e ambientalmente máis cuantiosos os recursos públicos que consumen de balde no lugar visitado, que o diñeiro propio que gastan. Dan perda. Inicialmente o turismo cos viaxeiros ingleses e franceses de antes do século XX tiña un marcado carácter cultural e elitista pero, desde o primeiro terzo do século pasado, transformouse nun fenómeno que dou en chamarse turismo de masas. E evolucionou, como todo,  e agora o turismo que interesa é o especializado con tipoloxías reais e inventadas: deportivo, cultural, gastronómico; aínda que esas especializacións están a convivir con outras maneiras, que levan desprestixio aos lugares onde se practican: turismo de sol e praia, de alpargata e outros tipos que, como dixemos, veñen a consumir recursos, instalacións, medio natural ou servizos, co criterio de recibir máis do que pagan e, polo tanto, a conta dos residentes, que tamén se ven privados do espazo vital de seu. Nun artigo de 1850, publicado antes da existencia do turismo de masas nun periódico desaparecido —El Clamor Público— facíase referencia ao trato que se lle daba a un simple turista francés da época contando que recibía «todos os honores que se reservarían ás máis altas personalidades», nun servilismo esaxerado, que pervive pero que non ten que ver coa profesionalidade que merece o visitante. Sen embargo, axudado pola falta de regulación, a relación co turista empeza a chegar perigosamente ao extremo contrario: as protestas pola limitación de espazos vitais dos residentes están a resultar un clamor e a xerar turismofobia. En Europa —non sendo por aquí—, por exemplo, desapareceu esa especie de cultura de que todo o do común é de balde. E a razón de que haxa turismo está no común, porque o atractivo turístico —praias, natureza, paisaxe, patrimonio, cultura— é do común. Por aí adiante págase por ir á praia ou por estacionar automóbiles nas inmediacións. E ten que ser así; tanto porque a Administración Pública necesita recuperar a inversión que precisa o coidado do medio, como por ser necesario limitar o número de usuarios para preservar o ambiente. A imposición das taxas turísticas non parece ter discusión, aínda que, tal como se conciben, dificilmente se podería aplicar aos visitantes máis prexudiciais: os de automóbil —de ida e volta—, que deberían contribuír mediante o pago por ocupación de espazos públicos. Hai que discutir sobre isto: que o turismo non deixe de ser dos primeiros sectores económicos, pero que non dificulte a vida normal dos residentes e, ademais, que se garanta que esa industria poida seguir a largo prazo.