O DígochoEu premia a dous institutos do Grove e A Illa

La Voz O GROVE / A ILLA

O GROVE

cedida

Os primeiros levaron a prata na súa categoría co traballo «Díghocho meu!» e os segundos, co vídeo «A dorna das cen palabras»

17 may 2024 . Actualizado a las 09:40 h.

O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun centenar de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame, e Arousa tivo dobre mención: o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado «Díghocho meu!», e o IES Illa de Arousa co vídeo «A dorna das cen palabras» acadaron o segundo e terceiro premio, respectivamente, na categoría de secundaria. O ouro recaeu no IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives polo seu vídeo «O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá».

Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo «E ti, queres ser laxense por un día?»; o de pPrata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado «Palabras polisémicas nas Olimpíadas», e o DígochoEu de bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia «Lingoreteiros do mundo».

Os premios foron entregados polos membros do xurado, a xornalista Paula Señarís, o produtor musical Iago Pico e Mª Manuela Leis, en representación da Secretaría Xeral da Lingua, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

Arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares encheron o anfiteatro nun evento que foi retransmitido pola plataforma dixital AGalega.gal e será emitido tamén por TVG este venres, Día das Letras Galegas, ás 11.30 horas. A gala conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de GADIS. Os vídeos quedarán accesibles na plataforma de contidos infantís e xuvenís Xabarín.gal e tamén en AGalega.gal onde tamén se poderá volver ver a gala.

Os centros gañadores, que gravaron os vídeos co apoio do programa e a participación de Esther Estévez, obtiveron como premio de ouro 500 euros; os de prata, 300, e os premios de Bronce, 200 euros. Esta terceira edición do concurso de vídeos DígochoEu recibiu máis dun cento de propostas de centros de toda Galicia, entre as que o xurado tivo que decidir, valorando a calidade lingüística e expresividade dos participantes, a súa orixinalidade e a innovación do contido.