Foi dos mellores naseiros do seu tempo e contan que os seus camaróns xa estaban vendidos cando entraban na loxa; «sinal de que eran bos», di quen tamén foi mecánico e artesán
02 nov 2024 . Actualizado a las 04:50 h.No Grove hai persoas ás que, ademais de correrlle sangue polas veas, tamén lles corre auga salgada. Comprensible, xa que para os máis maiores do lugar o único medio de vida que tiveron dende ben pequenos foi o mar en todas as súas vertentes, nun tempo no que a localidade vivía moitas miserias. Guillermo Campos (1932) é testemuña daquela época. Mariñeiro, mecánico naval e naseiro con moi bo facer, comezou co seu pai, como moitos, nunha pequena dorna indo ás xibas, con doce anos. Os primeiros anos de traballo foron indo ás nécoras, «ou nocras», como se lle chama na península meca, e aos camaróns. Deses primeiros tempos a bordo retén un suceso que o deixou marcado: un día saíu a traballar co seu irmán e a embarcación tumbou na boca da ría. Tiñan catorce anos, ían a vela e sopraba un Norte que lles xogou unha mala pasada.
A pesares dos seus 92 anos a memoria de Guillermo permanece intacta, aínda que cos achaques propios da idade. A subsecretaría da Mariña Mercante expediulle a comezos da década dos cincuenta a documentación pertinente para desempeñar a profesión de mecánico naval, que nos anos da emigración resultou tan útil. Foi Guillermo, coma moitos mecos, dos que emigraron a Holanda e ao resto do Norte de Europa, e sinala que onde mellores condicións tivo foi en Dinamarca, de onde aínda lle chega hoxe a pensión correspondente.
Traballou en cargueiros de mercancía dando a volta a todo o globo terráqueo. «Faciamos a ruta do Oeste», di. Saían de EEUU polo Canal de Panamá, do Atlántico pasaban ao Pacífico e ían por toda Asia: Xapón, Hong Kong, Filipinas. Enrolou tamén nun petroleiro noruegués. «Iamos de Manchester ao Lago de Maracaibo, en Venezuela», explica. Por fortuna non tocou porto en ningún país en conflicto, a pesar de que mentres navegaba xa tiña comezado a Guerra do Vietnam. Xapón, conta, deixouno impresionado, «porque había moitas cousas que aquí non chegaran, así que querías traer de todo para a casa e enseguida se ían os cartos», sinala, lembrando que alí adquiriu entre outras cousas, un magnetófono.
Campos deixou O Grove no ano 1961. A primeira vez que embarcou estivo 22 meses, tivo que vir para operarse e logo volveu para embarcar coa compañía no Brigantine, que non chegou saír, «e pagáronme un mes sen traballar». Cos daneses ganábase ben, «unhas oito mil pesetas ao mes», conta. Tampouco botou moitos anos fóra: a finais dos sesenta volveu a O Grove e estivo cinco anos na batea, e nos 70 retomou o oficio de naseiro.
Comprou unha dorna, a Feita, e volveu á captura do camarón e a nécora. «Daquela ganábanse cartos no mar». Ao chegar á terra o marisco ía para a lonxa, pero os seus camaróns estaban vendidos antes de entrar pola porta, «sinal de que eran bós, que mariñeiro non é calquera», comenta, e daquela cotizábanse ben. «Era o mellor naseiro do Grove», di a súa muller, María no medio da conversa, e a xulgar por todo o que fixo non se equivoca. Ela apunta datos de cando en vez e el replica, «non saberei eu o que fixen, inda estou cos pes mollados no mar», di para sinalar que ten memoria, co agarimo e a confianza dun matrimonio que leva sesenta e oito anos ás súas costas.
Da súa traxectoria poderiase falar longo e tendido, pero cómpre destacar que Guillermo Campos é ademais artesán e artista. O Grove está cheo de pequenas miniaturas de nasas de bimbio e fío de metal feitas coas súas mans, de cabazos onde se gardaba o camarón vivo para que non escapase, de nós mariñeiros enmarcados, chaveiros de madeira en forma de poleas coma as que se usaban para izar as velas. Unha paixón á que dou renda solta unha vez xubilado, pois entretíñalle moito. «Non hai bar do Grove que non teña cousas súas», di a muller. Agora fáltalle a vista e xa non pode seguir coa súa paixón.
Todas esas pezas que poñen en valor a cultura marítima estiveron expostas nunha carpa destinada a ese fin na Festa do Marisco, no ano 2006. E alí nun caixón garda aínda a tarxeta que lle deron por colaborar na cita gastronómica. Aquel espazo foi precursor do Museo das Salgadeiras de Moreiras, que abriu as súas portas no 2007. O bo facer é tal que alí no museo hai pezas súas: algunha documentación, uns zocos que viste o mariñeiro que preside a entrada, un mostra de nós, unha poutada e tres nasas para lumbrigante e langosta, e tamén fixo «cordas de mexillón para o Acuario do Grove cando abriu».
Tal era a produción de pezas que fixo tras xubilarse que non hai fillo ou neto que non teña na casa un cadro dos nós mariñeiros. Hai anos, na carpa do Marisco ensinou, a quen quixo visitala, como facía aquelas miniaturas.