De non entender de onde vimos

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

Martina Miser

O pasado 2 de febrerio celebrouse o Día dos Humedais e na comarca do Salnés ninguén festexou a efeméride

23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 2 de febreiro foi o día da Candeloria. Lembrouse a presentación de Xesús no Templo ou a purificación da Virxe mediante candeas: cristianizáronse rituais antigos arredor dos ciclos naturais, como, neste caso, puido ser a festa romana das Lupercais. É tempo dos primeiros gromos —vense xa os xermolos nos salgueiros despois de florearen as acacias— e, tamén, conforme ao dito popular, é cando casan os paxariños e aí andan tantos refráns: «Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar» ou «Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola». Esa xornada tamén é o Día Internacional das Zonas Húmidas. Na nosa comarca debería ser festa e resaltar a importancia delas e a riqueza que significan hoxe e sempre. En febreiro a Enseada Umia-O Grove está ateigada de aves, un fenómeno espectacular que pasa desapercibido. O Complexo Intermareal comprende parte dos municipios de Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e O Grove e foi incluído no Listado Internacional do Convenio Ramsar desde 1989 a proposta da Xunta. Está formado por tres zonas húmidas algo diferentes: a desembocadura do Umia ata A Lanzada, a lagoa da Bodeira e a punta Carreirón. Neste marabilloso escenario que nos envolve din os expertos que aparecen catorce tipos de hábitats naturais diferentes, dos recollidos na Directiva Habitat, sendo as lagoas costeiras e as dunas grises dos clasificados como Prioritarios. De suma importancia son as chairas intermareais onde se sitúan pradarías de cebas (do xénero Zostera) que, entre outras moitas cousas, son lugares de desova para múltiples especies. A súa extensión natural diminuíu notablemente pola destrución debida a movementos de terras, incluso con maquinaria, para estender zonas de cultivo de moluscos. Evidentemente, aparte doutro tipo de connotacións xurídicas, este é un erro grave porque vai provocar, precisamente, o efecto contrario: a diminución na abundancia de especies, ao suprimir espazos de desova. Deste arraso das cebas ninguén dixo nada, quizá todos ofuscados polo interese social do marisqueo e, por iso, non estamos a salvo de que esa tremenda equivocación siga avanzando. O espectáculo ornitolóxico da Zona é o maior de toda a costa galega con entre quince e vinte e cinco mil de aves invernando. O pirlo común (cast. correlimos), que pode vir ata 24 anos seguidos, é a especie máis numerosa e, tamén, a Píllara cincenta (cast. Chorlito), que chega desde o Ártico e pasa por aquí o 1% de toda a poboación europea; ocorre o mesmo co Cullereiro (cast. Espátula), que voa desde Países Baixos na súa época postnupcial —éche cousa da Candeloria!—. Esta e as demais zonas húmidas están relacionadas, fortemente, coa historia da Humanidade. O home viu nelas fontes de vida e semellaron sempre tan importantes que o aproveitamento non foi nunca privativo, senón sempre común. Como consecuencia, arredor das zonas húmidas en xeral, e da nosa en particular, hai unha moi forte presenza histórica, arqueolóxica e etnolóxica que permite saber quen fomos e quen somos. No caso da Enseada dispomos dun patrimonio impresionante relacionado coa ocupación humana, convivindo coa Natureza: castros, fortalezas, soterramentos, barreiras, telleiras, embarcadoiros, salinas, fábricas de salgadura, augas termais, marisqueo, cultivos do mar, rutas. Todo o que nos define. A ONU, con motivo desta celebración, contounos que máis de mil millóns de persoas dependen dos humidais como medio de subsistencia. Coma nós. Pero aquí transcorreu o Día da Candeloria, a Festa da Luz, o Día Internacional das Zonas Húmidas e ningún dos municipios, nin a Mancomunidade, fixeron nada por resaltar esa riqueza que nos define. A Zona Intermareal é a cerna que mantén a nosa vida. Axuda a entendernos e cada 2 de febreiro, polo menos, habería que homenaxeala cunha boa celebración. Sería homenaxearnos, nunha festa de toda a Comarca.