O Grove reúne un cento de barcos na Bandeira Lavanova de Bateis

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

A proba comeza esta tarde ás tres 

15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta tarde, desde as tres, o Porto do Grove convértese na capital do Territorial Sur de Bateis coa disputa da novena Bandeira Lavanova. Unha cita que, como cada ano, conta co Club de Remo Mecos como organizador, coa colaboración do Concello da localidade peninsular.

Con cinco rúas e medio quilómetro de longo, o campo de regatas verá suceder en competición un cento de embarcacións e medio milleiro de deportistas das doce categorías, seis femininas e outras tantas masculinas, do barco menor do remo de banco fixo. Entre eles, os bateis cadete masculino e xuvenil feminino do club anfitrión, o C.R. Mecos, o das mulleres sub-23 do veciño Amegrove e o absoluto masculino do C.R Vilaxoán, os catro, dominadores ou destacados en cadansúa categoría tras a disputa das oito primeiras regatas do calendario deste ano. No horizonte, o Campionato Territorial Sur, o 12 e 13 de abril en Vilaxoán.

Os gañadores de cada categoría levarán trofeo e medallas, estas últimas, tamén os segundos e terceiros, cunha bandeira para o mellor club feminino e outra para o mellor masculino.