
A revista trascende xa as fronteiras do Grove para visibilizar o talento costeiro que agroma no conxunto do litoral galego
10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A revista meca Salghadoiro presenta este sábado, 12 de xullo, na Galería Besada, o que será o seu segundo número. A cita será ás oito e media da tarde no espazo grovense, encravado na rúa da Praza. A publicación, que xa anunciara no seu comezo que ía traspasar fronteiras, está protagonizada por perfís creativos non só do Grove, senón tamén de A Coruña, Pontevedra, Ribeira ou A Guarda, dando un importante salto no seu obxectivo de visibilizar o talento costeiro e levar a lingua galega por unha das súas bandeiras.
O equipo, integrado por Carlos Álvarez, Míriam Barral, Leticia Castro, Víctor Gallego, Andrea Menéndez e Lino Prieto, amplía contidos e presentará un volume de oitenta páxinas que a partir desta edición será de pago. Importantes artesáns con proxectos galardoados, unha das bandas galegas do momento e artistas con proxección nacional integran as páxinas do novo número, nas que tamén se reserva un lugar para homenaxear ao desaparecido Luís Rei, polo seu labor a prol da defensa da cultura marítima e o seu legado como escritor e investigador, cando se cumpren dez anos do seu pasamento.
A revista dá pasos firmes para consolidarse no panorama cultural, e será presentada tamén no espazo de Casa RIA, sito na avenida Virxe da Cerca, en Santiago de Compostela, o vindeiro xoves, 17 de xullo, ás seis da tarde.