
O memorial en lembranza dunha das figuras inesquecibles da cultura galega e arousá desenvolverase os días 11 e 15 de agosto
10 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A vindeira semana cúmprense dez anos do falecemento do político e activista Luís Rei Núñez (O Grove, 1960-2015), figura imprescindible na cultura marítima tradicional e investigador que se implicou arreo nas figuras de Ramón Cabanillas e Basilio Álvarez. Con motivo deste aniversario, o grupo etnográfico Mascato vén de impulsar o Memorial Luís Rei, cunha programación que se levará a cabo o luns 11 e o venres 15, e na que colaboran entidades como a Asociación da Dorna Meca, Culturmar, Amigos do Quinteiro, o BNG do Grove e a Galería Besada.
O memorial arrancará na tarde deste luns cunha visita ao cemiterio municipal ás sete da tarde para lembrar a Rei con flores e poesía. De seguido, ás oito e media, a Galería Besada acollerá a presentación do número 17 da revista Nova Ardentía, que el mesmo impulsara.
As actividades continuarán na mañá do venres 15 en Moreiras, unha xornada que comezará cunha arribada de embarcacións tradicionais, e cuxo acto máis destacado é a presentación dunha obra con traballos inéditos que leva por título A palabra sempre en alto, e na que participarán Javier Rey, Sabela Rei, Rebo, Isabel González, Emilio Ínsua, Francisco Fernández e Antón Mascato. Unha escolma de textos na que «brilla o seu talento, a súa capacidade de análise, o seu rigor documental e o seu sentido do humor, virtudes que converten nunha delicia a lectura da súa prosa», subliñan.
Un coloquio sobre a súa figura e un concerto de música tradicional pecharán a programación arredor do mediodía.