O acceso universal ás redes sociais estase a transformar nun problema grave e xa se tratan medicamente unha manchea de condutas aditivas asociadas a ese uso
08 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nestes tempos están de moda as redes sociais e o uso de internet en xeral. O presidente do goberno central anunciou hai días que lles ía prohibir aos menores de dezaseis anos o acceso ás redes sociais. Aínda que sexa probable algún tipo de conflito co exercicio da patria potestade, ten moita razón e oxalá, por favor, sexa pronto. Ao perigo que corren os menores hai que engadir a facultade das persoas de accederen de xeito ilimitado a internet e aos instrumentos de Intelixencia Artificial e intervir con eles e mediante eles sen ningún tipo de regras. Iso, desde un punto de vista negativo, pode transformar tales mecanismos nun foco de ignorancia e destrución dos coñecementos, e, como se está a ver, na causa de diversas enfermidades psíquicas.
O acceso universal ás redes sociais estase a transformar nun problema grave e xa se tratan medicamente unha manchea de condutas aditivas asociadas a ese uso. Hai persoas que non saben arrincar a vista dos móbiles e levan a vida cunha ansiedade que non poden gobernar á espera da seguinte mensaxe, andan disociadas da realidade e nesta situación é obvio que os menores son vulnerables e necesitan protección, pero tamén os demais. O tempo de uso das redes sociais é tempo miserablemente perdido —tempo é sinónimo de vida— e o papanatismo que se deriva do seu uso é posiblemente a maior enfermidade social da actualidade.
Os valores dos usuarios adictos ás redes sociais redúcense á recompensa inmediata —non existe a cultura do esforzo— e esa hiperconexión inflúe na creación da personalidade e, sobre todo, no aumento da ansiedade; ademais, nesas persoas, en canto perciben que están desconectadas ou que non teñen mensaxes, nace medo, pánico, a non pertencer á sociedade e séntense illadas. Esa xente converteuse nun fabuloso caldo de cultivo para a desinformación e a perda de valores. Toda esta falsa liberdade das redes sociais ten compoñentes que afectan á política. Agora mesmo, as redes sociais están a ser profusamente, e de xeito técnico, empregadas para enganar os votantes. Directamente para enganar. A arma principal é a manipulación. Nótase moitísimo cada vez que nos achegamos a un período electoral. E aí conflúen obxectivos comúns. Un dos máis claros é a desmobilización do electorado: se a baixa participación favorece a unha determinada opción, esta intentará xerar desconfianza no proceso electoral. Donald Trump no 2020 ou Jair Bolsonaro no 2021 utilizaron mañas desinformativas facendo denuncias sobre papeletas falsificadas, voto de defuntos ou manipulación do software electoral. Todo mentiras, pero difundidas a millóns de persoas. É moi utilizado buscar a polarización: que nos sintamos inimigos, divididos en bos e malos, para debilitar a cohesión social e que se desconfíe das institucións, como, por exemplo, se está a facer agora mesmo en España coa Xustiza. Tamén se pretende desacreditar a candidatos mediante informacións difamatorias.
A falsificación da información creando imaxes falsas é, xa, agora, un recurso demasiado fácil. Outro instrumento son as enquisas preelectorais falsas, que pretenden crear ambientes favorables a determinados candidatos ou a manipulación de temas sensibles como o dos inmigrantes, a inseguridade ou a presión fiscal.
Os Estados empezan a reaccionar tarde: a Unión Europea publicou un Código de Prácticas sobre Desinformación e vai propoñer unha regulación sobre a transparencia da publicidade política. Francia xa ten en vigor unha lei contra a desinformación e España parece que quere empezar a protexer os menores. Non é suficiente. Suponse que os adultos teñen educación e criterio pero a realidade é que aínda non tiveron tempo de saber protexerse das redes sociais. Chega con darse unha volta por elas para comprobalo. Ademais, neste Salnés hai concellos que basean a súa comunicación administrativa nas redes sociais. Iso non só provoca inseguridade xurídica, senón que lles dá unha aura falsa de credibilidade ás redes sociais e, así, ao usuario delas resúltalle difícil entender cando son ou non fiables. Fiémonos dos nosos valores, desconfiemos dos profetas que navegan polas redes.