Somos Ribadumia descualifica o goberno local por volver subvencionar o AF7
RIBADUMIA

Considera un «completo fiasco» o torneo do 2019 na Senra
26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Somos Ribadumia cargou onte publicamente con dureza contra a organización dunha segunda edición do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 no campo municipal da Senra co apoio económico do Concello de Ribadumia. Deixando claro de partida que a súa posición é «totalmente allea á cuestión deportiva, sobre a que nada hai que dicir, pois nese aspecto o evento está fóra de toda dúbida», a comisión executiva da formación da esquerda rupturista sostén que a ata agora única edición do AF7 disputada na localidade —ata o 2018 disputárase sempre en Vilagarcía de Arousa—: «Foi un completo fiasco [...] Este ano imos volver tirar cartos nun evento que a Ribadumia quedou claro que non lle proporciona gran cousa».
Somos Ribadumia salienta que a celebración do torneo internacional alevín lle supuxo un custe de máis de 13.000 euros á veciñanza do municipio, para rematar sendo «un fiasco económico e de imaxe social». E neste punto, fai fincapé nos supostos grandes beneficiarios do apoio do Concello: «Á hostalaría local vendéuselle o torneo coma un maná de clientes, animándoa a encher os almacéns e neveiras, pero despois resultou un bluf de primeira orde, pois aínda que no campo houbo público, esa asistencia non repercutiu nos negocios locais».
A formación municipal critica o alcalde, David Castro, ao que acusa de: «Abandonar o goberno para centrarse en apoiar as súas paixóns persoais» mentres «abandona os clubs deportivos municipais».