Ribadumia enche de cine, teatro e música o auditorio durante o próximo trimestre

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

Manso e Amigos actuarán este mes no auditorio
Manso e Amigos actuarán este mes no auditorio ADRIÁN BAÚLDE

Entre os formacións que pasarán polo escenario están Manso e Amigos, Medialeva, Trasnos do Salnés Ghazafellos e Matrioska Teatro

19 ene 2023 . Actualizado a las 14:49 h.

O Concello de Ribadumia retomará a súa programación cultural do auditorio tras o Nadal. As actividades prolongarase durante todo o trimestre, son gratuítas e poden consultarse no díptico enviado aos domicilios e nas redes sociais e a páxina web municipal.

A programación comezará este domingo cunha sesión de cine da man de Live is Life: La Gran Aventura, un drama e comedia dirixida polo galego Dani de la Torre con guion de Albert Espinosa.

O domingo 29, sempre ás sete da tarde, será a quenda da música da man de Manso e Amigos; o día 5 Roi Borrallas chegará desde Barcelona para representar Traga Tiérrame, un espectáculo con máis de dez anos de traxectoria no que se mestura maxia e humor; o domingo 12 de febreiro, o grupo teatral Ghazafellos ofrecerá o espectáculo infantil-familiar A máquina do tempo.

Xa con aires de Entroido, o luns 20 a partir das 17.30 horas celebrarase no pavillón de Barrantes un festival con música, animación, xogos e premios para os mellores disfraces.

O domingo 26 volverá o cine ao auditorio e o 5 de marzo, ás 18 horas, a asociación Trasnos do Salnés celebrará unha gala benéfica a favor de Amigos de Galicia.

O 12 de marzo terá lugar a II Homenaxe ás mulleres de Ribadumia, que contarase co espectáculo humorístico Comando Comadres de Matrioshka Teatro, unha peza que recibiu, entre outros, dous premios María Casares no ano 2022.

Os venres 17 e 24 de marzo, a partir das oito da tarde, a Escola de Música do Concello de Ribadumia ofrecerá senllos concertos e o domingo 19 de marzo, o grupo de teatro Avelaíña representará a obra A Lola.

O 25 de marzo (20.30 horas), a Banda de Música Municipal de Ribadumia actuará no auditorio e ao día seguinte será o grupo Cantareiras Madialeva o que subirá ao escenario, fusionando a tradición galega con letras frescas e pícaras.

Por outra banda, ata o 15 de febreiro o Concello informa que estará exposta ao público a mostra fotográfica Non somos números, que representa a violencia de xénero que sufriron algunhas mulleres en primeira persoa. Esta exposición é visible media hora antes de cada actuación programada nas instalacións do auditorio, ou por grupos pedindo cita previa no teléfono 622 58 53 59 da Asociación ESMAR Non ao Maltrato.