Ribadumia non só mira ao deporte; o pleno dá luz verde á organización dun evento literario
RIBADUMIA

A idea partiu do BNG e foi aprobada onte coa unanimidade da corporación
08 mar 2024 . Actualizado a las 10:58 h.O Concello de Ribadumia organizará un evento literario segundo acordou onte o pleno por unanimidade a proposta do BNG. «Neste momento hai un amplo abanico de eventos deportivos que demostran que Ribadumia ten capacidade de sobra para a realización de eventos. No BNG queremos que o noso Concello se converta nun punto de encontro entre autores e lectores», segundo indica a concelleira Vanessa Fariña.
A proposta do BNG apunta cara un espazo onde os autores poidan promocionar as súas obras, coa presenza de influencers de libros (bookstagramers, booktokers e booktubers) e un escaparate para pequenas editoriais e as librarías da comarca.
«A aprobación desta moción non é so un éxito do BNG senón que é un éxito para todos os veciños, xa que a promoción da cultura sempre é algo positivo. Queremos e cremos que Ribadumia ten a capacidade para converterse nun referente neste eido, como xa o empeza a ser no ámbito deportivo. Esperamos nas próximas semanas ter xuntanzas co equipo de goberno para ir ultimando detalles e ir levando a cabo esta idea, , para facela realidade», abunda a portavoz nacionalista.