Adxudicada por 650.000 euros a urbanización da rúa Condesa en Ribadumia

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Esta obra permitirá mellorar a seguridade viaria en Barrantes mediante beirarrúas, estacionamentos e pasos de peóns

22 mar 2024 . Actualizado a las 16:42 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por preto de 650.000 euros o proxecto de urbanización da rúa Condesa e áreas de estacionamento en Barrantes, en Ribadumia. Para acometer esta actuación, a Deputación provincial achega o 70 % do orzamento, mentres que o Concello aporta o 30 % restante.

Esta obra abrangue un tramo duns 300 metros no treito inicial da EP-9506 que une Barrantes e Vilariño e transformará o núcleo urbano, permitindo mellorar a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños. En concreto, mediante a actuación modificarase o trazado da rúa da Condesa e instalaranse beirarrúas máis amplas, de formigón coloreado.

Tamén se crearán zonas de estacionamento para dar servizo aos autobuses escolares que acceden ás instalacións deportivas da contorna e construirán pasos de peóns sobreelevados para garantir a seguridade viaria. As obras completarase coa instalación de redes de telecomunicación e de drenaxe, así como coa execución de zonas axardinadas, mobiliario urbano e nova sinalización horizontal e vertical, segundo informou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Trátase dunha actuación moi agardarda no Concello de Ribadumia dado que afecta a unha zona urbana onde hai numerosos servizos públicos.