A Copa Ribadumia volverá reunir as mellores canteiras do fútbol español, con case un cento de equipos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Martina Miser

Athletic Club Eskola de Guipuzkoa, DAMM, Celta, Dépor ou a DV7-Madrid de David Villa xogarán na Senra o vindeiro mes

22 may 2024 . Actualizado a las 19:35 h.

Será na tarde deste venres, durante a presentación oficial do torneo no Auditorio de Ribadumia, cando a organización que encabeza o vilagarcián Paco Ozores remate de desvelar os nomes dos protagonistas e os detalles máis relevantes. Este mércores, a falta de tres semanas para a disputa do primeiro dos dous torneos encadrados na cuarta edición da Copa Ribadumia-Clae Viajes, os seus responsables quixeron ofrecer un primeiro grande adianto do que os afeccionados ao fútbol base poderán atopar o vindeiro mes nos dous campos do complexo polideportivo da Senra.

O primeiro dato a ter en conta é a enorme cantidade de canteiras que se congregarán arredor da Copa Ribadumia-Clae Viajes. Serán 87 os equipos que se repartan entre o cadro infantil, que se disputará os días 14, 15 e 16 de xuño, con 35 aspirantes ao título en xogo, e o benxamín, programado para a semana seguinte, os días 21, 22 e 23 do vindeiro mes, con outros 52 conxuntos en lid. Entre eles, boa parte das mellores canteiras do balompé base de España, con representantes dunha ducia de comunidades autónomas: Andalucía, Estremadura, Castela-León, Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Canarias, Madrid, Valencia, Navarra e Galicia. Esta última, na súa calidade de anfitrioa, contará coas mellores academias do país en ambos os dous campionatos, co Celta e co Dépor inscritos xunto con clubs de marcada vocación formativa, caso do Val Miñor, Pabellón C.F., Ural C.F., Vitoria C.F., Montañeros, Xuventude Oroso ou Conxo-Santiago.

Polo que respecta ao resto das comunidades autónomas con equipos rexistrados na cita ribadumiense, salientar o DAMM C.F. de Barcelona, un fixo nas catro edicións do inda mozo torneo arousán, o DV7-Madrid, academia con grandes miras fundada por David Villa, o TSK Roces e o C.D. Covadonga, referentes en Asturias, o C.D. Badajoz e o C.D. Diocesano, de Estremadura, o San Roque de Sevilla ou o Athletic Club Eskola de Guipuzkoa. Esta última, mellor canteira da provincia vasca e cun acordo de filialidade co club dos leóns, da que saíron futbolistas hoxe nas filas do primeiro equipo bilbaíno coma Yuri, Guruceta, Kodro, Unai López ou Nolaskoain.

Fóra de España, pero sen abandonar a Península Ibérica, o fútbol base portugués volverá contar cunha notable presenza na Copa Ribadumia-Clae Viajes. Desta volta, co Porto F.C., coa S.C. Braga, co C.D. Feirense e co Fiäes S.C. coma abandeirados.