Ribadumia instala tres puntos limpos de proximidade para favorecer a reciclaxe
RIBADUMIA
Están nas proximidades da praza do Concello, do centro de saúde e diante do mercado
15 nov 2024 . Actualizado a las 16:09 h.O Concello de Ribadumia vén de colocar tres puntos limpos de proximidade na praza do Concello, diante do mercado e no entorno do centro de saúde. Neles pódese depositar de forma sinxela ata sete tipos de residuos domésticos de pequeno tamaño, facilitando así a súa catalogación e posterior reciclaxe: cartuchos de tinta, residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, baterías e pilas usadas, lámpadas (fluorescentes, baixo consumo e leds), material escolar e cápsulas de café. Estes colectores están deseñados de tal xeito que se garante que cada tipo de residuo se garda en compartimentos separados no seu interior.
O orzamento desta intervención ascende a 11.978,75 euros, subvencionado parcialmente cunha axuda da Xunta por importe de 8.900 euros ao amparo dos fondos Next Generation, segundo informa o Concello. Desde o goberno local apelan á concienciación cidadá para aproveitar estes novos recursos a prol do coidado do medio ambiente.