
Invístense 50.216 euros do plan Máis Provincia da Deputación
14 feb 2025 . Actualizado a las 14:55 h.O Concello de Ribadumia iniciou ás obras de mellora dos servizos públicos de saneamento e abastecemento nun tramo de camiño municipal no lugar de Sisenla, na parroquia de Sisán. Esta actuación, incluída no plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento total de 50.216,77 euros financiados integramente por parte do ente provincial.
Tras realizar unha análise previa das redes existentes e das posibilidades da zona, o plan de actuación inclúe a ampliación da rede municipal de saneamento, coa instalación dunha estación de bombeo e a ampliación da rede municipal de abastecemento de augas. Tamén se mellorará a recollida de augas pluviais coa execución dun tramo completo de rede soterrada na marxe do camiño e a canalización soterrada, en previsión de futura extensión da rede municipal de alumeado. Finalmente, realizaranse as reposicións do pavimento afectado polas obras e das marcas viarias existentes.
Críticas de Somos
Mentres o Concello anuncia melloras na rede saneamento en Sisán, Somos Ribadumia carga contra unha xestión medioambiental que está a provocar continuos vertidos ao río Umia «sen que ninguén se faga cargo nin asuma consecuencias», indican en referencia, entre outros, ao alcalde David Castro.