O PSOE acusa de incapaz ao goberno de Ribadumia por carecer de novo orzamento

P. P. V. RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

Martina Miser

Segundo a oposición, o alcalde David Castro prometera telos aprobados a finais do 2024

06 sep 2025 . Actualizado a las 09:09 h.

O voceiro do PSdeG-PSOE na corporación de Ribadumia, Javier Mougán, cargou contra o goberno local no pleno celebrado este xoves, cualificando o equipo de David Castro de «incapaz». A razón, explica Mougán, os máis de oito meses sen novos orzamentos municipais que se acumulan pese ao compromiso do alcalde.

Desde as filas socialistas recordaron no pleno que David Castro (PP) se comprometera publicamente a ter aprobados os orzamentos de Ribadumia do exercicio 2025 antes do 31 de decembro do ano pasado. Tamén, que en xullo deste ano o rexedor xustificou a non convocatoria do pleno ordinario correspondente a ese mes anunciando a presentación das contas que deben rexer o presente curso orzamentario ao longo do verán. «Estamos xa en setembro, pasaron máis de oito meses desde a data límite daquela promesa do ano pasado e Ribadumia segue sen orzamentos. Estamos diante dun alcalde e dun goberno que incumpren a súa palabra de forma sistemática», denunciou no pleno Mougán, quen recordou que desde o 2022 só se aprobaron uns orzamentos anuais para o Concello de Ribadumia.