Teatro hoxe en Catoira, en Meis e en Ribadumia da man do circuíto provincial +Escénicas
RIBADUMIA
Cores, Contos e Rock?n?Roll coa Ramona pequena, Máis saaaabor! e O Furancho compoñen a oferta
16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A previsión de mal tempo que non abandona O Salnés nas últimas semanas invita a pasar un domingo ao quente. En Catoira, en Meis e en Ribadumia, coa opción de facelo gozando de tres propostas teatrais, que chegan a candanseu auditorios da man do circuíto +Escénicas co que a Deputación de Pontevedra pretende asentar unha programación de teatro e de danza que lles chegue aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Cores, Contos e Rock’n’Roll coa Ramona pequena represéntase desde as 18 horas no Auditorio municipal de Catoira. O espectáculo, a cargo do artista Pakolas, ofrece unha interacción coas nenas e cos nenos, con música acompañada por contos e por historias, e as cores e debuxos que Laura Romero despregará en directo no medio do escenario.
Media hora máis tarde, desde as 18.30, en Máis saaaabor!, a xente de Culturactiva Producións representa en Meis unha peza cómica de creación propia arredor do mundo da gastronomía e da alimentación saudable.
O Furancho pechará a axenda teatral do Salnés neste domingo. A compañía Ibuprofeno Teatro trae ás 19 horas ao Auditorio municipal de Ribadumia unha comedia protagonizada por Marián Bañobre e Isabel Risco, na pel de dúas emprendedoras que terán que salvar distintos obstáculos para levar adiante o seu soño de abrir un furancho.
Máis de cen representacións
A segunda edición do programa +Escénicas levará un total de 136 representacións teatrais e de danza a medio cento de concellos da provincia de Pontevedra entre abril deste ano e marzo do 2026, cun investimento de 195.000 euros.