Aprender a usar o caixeiro, o móbil ou as máquinas de quendas, os retos dun curso para maiores en Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MONICA IRAGO

As xornadas, organizadas pola Fundación Amigos de Galicia celebraranse a partir do día 20

15 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Valga e a Fundación Amigos de Galicia organizan un curso de dixitalización dirixido a persoas maiores no marco do programa «Mellor acompañados», que ten como obxectivo fomentar a súa autonomía e a independencia. A actividade formativa que se impartirá en Valga achegará aos participantes ás novas tecnoloxías, pero dun xeito práctico que lles permita afrontar e resolver situacións coas que, cada vez máis, se atopan no seu día a día. Por exemplo, ser capaces de desenvolverse cun caixeiro automático. Para iso, empregarase un simulador no que os maiores que asistan ao curso aprenderán a realizar transferencias, pago de recibos e outros trámites.

O teléfono móbil tamén centrará parte dos contidos do curso, explicándolles como agregar contactos na axenda, realizar vídeo chamadas, descargar aplicacións ou conectarse a unha rede wifi, entre outras accións. Utilizar as máquinas de quendas, tan habituais en hospitais, ou a aplicación para móbil do Sergas serán outras das cuestións que se tratarán durante as sesións, que se celebrarán os días 20 e 27 de marzo e 3 e 10 de abril en dous grupos: de nove a once da mañá no auditorio e de once e media a unha e media no CODI.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse tanto no Concello coma no Auditorio.