Desde o goberno municipal solicítase aos veciños que eviten tirar polo inodoro materiais que non son biodegradables para evitar que sigan producíndose atrancos nas tubaxes e nos bombeos
05 ago 2024 . Actualizado a las 14:49 h.Operarios do Concello de Valga veñen de detectar unha nova avaría na rede de saneamento a causa da acumulación de materiais non biodegradables, nomeadamente toalliñas hixiénicas, compresas e outros plásticos, segundo informan fontes municipais. «O motor do bombeo existente no lugar de Carracido queimouse, provocando os conseguintes problemas na rede municipal e obrigando a intervir ao persoal do departamento de Obras para resolver a avaría. Esta situación vense repetindo dende hai anos en distintos puntos da rede de saneamento, xerando danos ambientais polos vertidos e tamén un sobrecusto para as arcas municipais».
Ante esta situación, desde o goberno municipal solicítase aos veciños que eviten tirar polo inodoro materiais que non son biodegradables para evitar que sigan producíndose atrancos nas tubaxes e nos bombeos. «Temos que concienciarnos de que se trata dun problema grave. Non nos custa nada botar estes residuos ao cubo do lixo en lugar de tiralos polo inodoro», recalca o alcalde, José María Bello Maneiro.