Extrugasa e o restaurante Gran Barril, novas incorporacións ao plan de compostaxe de Valga
VALGA
O Concello dótaos do seu propio centro de compostaxe para grandes produtores de biorresiduos
28 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Valga segue a ampliar a rede municipal de compostaxe que comezou a crear hai catro anos. Desta volta, ese crecemento da rede afecta aos grandes produtores de biorresiduos. Neste campo, di o Concello, «os bos resultados acadados no colexio Baño-Xanza, que conta dende marzo de 2021 co seu propio centro de compostaxe no que se tratan os restos das 250 comidas diarias que se elaboran e serven no centro, levou ao Concello a implantar este mesmo método noutros dous grandes produtores de biorresiduos de Valga: a empresa Extrugasa, que conta con comedor propio para os seus traballadores, e o restaurante Gran Barril».
Destacan dende o concello que os traballos de instalación destes centros de compostaxe foron sufragados cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través dunha orde de axudas dirixidas a entidades locais para desenvolver actuacións en materia de biorresiduos. Con este finaciamento adquiríronse as unidades modulares que integran ambos centros de compostaxe, executáronse as obras de montaxe das bases e colocáronse paneis informativos sobre o proceso para converter os residuos orgánicos en abono natural. Tamén está previsto dotar do seu propio centro de compostaxe ao Hotel Corona de Galicia
Por outra banda, o Concello adquiriu unha biotrituradora para ampliar o servizo de préstamo á veciñanza adscrita ao programa municipal de compostaxe, que poden solicitar no Concello o empréstito gratuíto destas máquinas para moer restos leñosos procedentes de podas.