
Os docentes visitantes foron recibidos onte polo alcalde da vila
10 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O IES Plurilingüe de Valga recibe durante esta semana a visita de dous mestres de Turquía para coñecer in situ a metodoloxía de formación dixital e innovación que se aplica no centro de Baño. Bülent Sahin e Yücel Urbay son profesores da escola de ensino secundario Alparslan Ortaokulu, do lugar de Derince, na provincia turca de Kocaeli. Están a participar nun proxecto Erasmus en diferentes rexións europeas, entre elas Galicia, onde tiñan interese en visitar un centro de referencia en materia de innovación e dixitalización.
O Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra recomendoulles o IES de Valga e «levan aquí toda a semana vendo a nosa medoloxía e comprobando o equipamento e as novas tecnoloxías das que dispoñemos», segundo indica o director do instituto, Eliseu Mera. Nos últimos tempos «fixemos un esforzo moi grande na adquisición de computadoras e pantallas intelixentes e tamén fomos pioneiros na implantación e uso da sala de polos creativos».
Con motivo da súa estadía en Valga, os dous docentes foron recibidos este mércores no Concello polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, que lles entregaron un agasallo institucional e cos que conversaron sobre a experiencia que están a vivir no IES, sobre a relación entre Turquía e a UE.