Investimento de 902.000 euros para o acondicionamento da mina Porto Piñeiro en Valga

La Voz VALGA

VALGA

Luis López e José María Bello Maneiro
Luis López e José María Bello Maneiro

Concello e Deputación veñen de firmar un convenio que permitirá financiar a actuación

30 abr 2025 . Actualizado a las 11:13 h.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, veñen de asinar un convenio de colaboración para o financiamento do proxecto de acondicionamento da mina Porto Piñeiro. Este acordo, no marco do Plan Extra, permitirá executar actuacións valoradas en 902.000 euros, dos que o organismo provincial achega 700.000 e o Concello os 202.000 restantes.

Isto permitirá avanzar no proxecto paisaxístico na lagoa Porto Piñeiro, formada por acumulación de augas subterráneas e pluviais nunha antiga mina a ceo aberto. «O obxectivo é convertela nun espazo de referencia ambiental e social a través dun proxecto valorado en máis de 14 millóns de euros que contempla actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas», segundo informa o Concello.

No ano 2023 executouse a primeira fase na zona sur da lagoa, onde se habilitaron os primeiros tramos de sendas para bicicletas e peonís, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas. Entre finais de 2024 e neste 2025 estase a instalar un peche de seguridade en todo o perímetro da lagoa e os 902.000 euros do convenio coa Deputación destinaranse a estabilizar pendentes, instalar sistemas de drenaxe, mellorar os accesos, acondicionar a zona norte e crear unha piscina.