
«Contestásenos cun informe de dez páxinas asinado polo secretario municipal que, simplemente, é unha interpretación restritiva que vulnera o dereito fundamental de acceso á información», sinala a formación
01 may 2025 . Actualizado a las 11:20 h.O Bloque Nacionalista Galego de Valga denuncia a negativa do goberno local a facilitarlle información relevante sobre a xestión municipal. «No canto de dar resposta, contestásenos cun informe de dez páxinas asinado polo secretario municipal que, baixo unha aparente cobertura legal, simplemente é unha interpretación restritiva que vulnera o dereito fundamental de acceso á información», sinala a formación.
O BNG solicitou nos últimos meses por rexistro información sobre o Servizo de Axuda no Fogar, as referencias catastrais das parcelas de titularidade municipal, o polígono industrial da Medela, a xestión da escola infantil ou o servizo de limpeza dos edificios municipais. «En ningún caso recibimos resposta, e por ese motivo tivemos que volver a solicitalo por escrito o 2 de abril de 2025 ante o silencio absoluto do goberno municipal do Partido Popular. O 9 de abril de 2025, José Manuel Salguero del Valle, secretario do Concello de Valga, emitiu un informe que, baixo unha aparencia moi técnica e cheo de referencias legais, non fai máis que servir de escusa para xustificar a falta de respostas ás nosas preguntas. Estamos ante un intento evidente de agochar, detrás da burocracia, a decisión política do alcalde de Valga para non responder», abonda o grupo da oposición.
O Bloque recorre á solicitude por escrito ao non poder obter información nos plenos onde «non se nos dá resposta real ao que preguntamos, nin se nos permite argumentar as nosas cuestións, nin intervir para aclarar o seu contido».
Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, «o que está en xogo non é un debate técnico ou legal, senón algo moito máis fondo, que é o dereito dos veciños e veciñas a saber que se está facendo no seu concello cos cartos de todos e todas. Seguiremos reclamando que se nos entregue a documentación pedida, que nos contesten por escrito como corresponde e que se respecte o noso dereito a saber o que fai o goberno municipal».