Valga despide con fondo pesar a José Pereira Comparada, un dous seus veciños centenarios

G. B. BANDÍN / S. G. VALGA / LA VOZ

VALGA

CEDIDA

Cunha emotiva cerimonia na igrexa parroquial de Santa María de Xanza din adeus a un home que deixa pegada nos corazóns dos veciños de Baño

29 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte Valga deu o último adeus a José Pereira Comparada, un veciño de Baño que faleceu con 100 anos. Hai soamente uns meses, Pereira Comparada reuníase coa súa familia para soprar o mar de velas que chegaba ás tres cifras.

Rodeado do seus seres queridos ­e dos agasallos do Concello de Valga, o día 17 de abril, uníase ao club dos centenarios que xa contaba co María Tarrío (102) e Benilde Castaño e Manuela Eiras (ambas co 101 anos), coñecidas del. Pereira Comparada recibía un século de vida cos recordos que lle caracterizaban. «Ten unha memoria espectacular, acórdase de todo», comentaba daquela a súa filla Nela.

Pereira Comparada naceu en 1925 na Canle (Cordeiro), foi á escola en Ferreirós e empezou a traballar de albanel cando aínda non cumprira os 14 anos. Os seus achegados destacaban que era unha persoa traballadora que ía ata onde a súa bicicleta o levase.

Cunha saúde envexable, José seguía o exemplo da súa nai, quen chegou a cumprir 103 anos. Segundo Nela, foi con 82 anos que «se operou da cadeira e foi cando estreou a cartilla da Seguridade Social» porque nunca tivo a necesidade. O último tempo vivía tranquilo, levantábase tarde e gozaba das pequenas cousas: sentábase na eira da casa a falar cos veciños que pasaban.

Josefa Otero Pardal foi a persoa que o acompañou na viaxe da vida e que, dende agora, o acompañará tamén no ceo. Neste camiño onde cada un sementa o que cultiva, Pereira Comparada recibiu unha sentida despedida na igrexa parroquial de Santa María de Xanza. Tras o seu falecemento nesta fin de semana, o domingo foi instalada a capela ardente no tanatorio municipal, en Beiro, e onte desenvolveuse o cortexo fúnebre, seguido da misa.

O pobo valgués acompaña o sentimento da familia chorando a súa despedida, pero tamén azorando todas as ensinanzas e recordos que José Pereira Comparada deixa nos corazóns da xente que o coñeceu.