Organizan unha tertulia e unha ruta sobre A Bella Otero por Valga e Cesures abertas a todos os públicos

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Estatua da Bella Otero no seu concello natal de Valga
Estatua da Bella Otero no seu concello natal de Valga MARTINA MISER

A primeira actividade está programada para este mes e a segunda para o seguinte

13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura da Bella Otero será obxecto de dúas actividades singulares nestas últimas semanas do 2025. Concretamente, unha tertulia e unha ruta por espazos vinculados á vida da maior artista da historia de Valga, impulsadas pola empresa Latexos de Turismo coa participación de Vilarello Paradise, a cafetería da praia fluvial do lugar valgués.

Neste último establecemento programouse unha tertulia o domingo 23 de novembro, desde as 17.30 horas. «Ofreceráse información sobre aqueles primeiros anos da vida da Bella Otero», explica Minia del Río, da firma Latexos de Turismo. O punto de partida, o libro La trágica infancia de Agustina Otero Iglesias, obra de José Piñeiro Ares, no que a violación sufrida pola futura bailarina será unha das referencias ineludibles. O impacto do trauma xerado por este episodio e a infancia do personaxe serán expostos para a súa reflexión na tertulia. 

Un mes máis tarde, na tarde do domingo 21 de decembro, faráse un percorrido guiado por diferentes lugares relacionados coa Bella Otero tanto en Valga, como o actual parque Dios Mosquera, onde se erixe a estatua en homenaxe da artista, coma en Pontecesures, desde o lugar da Tarroeira, escenario da violación, a diferentes puntos do casco urbano, seguindo o itinerario que a diario realizaba para ir á escola a filla de Carmen Otero e de pai incógnito, segundo indica a partida bautismal da Bella Otero, nada o 19 de decembro do 1868.

Ambas as dúas actividades están abertas a todos os públicos. As persoas interesadas en participar nelas poden inscribirse chamando ao número de teléfono 617 421 276.