O chinés Han bota o Cocinas Bulthaup dos postos europeos

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O pechacancelas da Superdivisión obtén en Vilagarcía o seu primeiro triunfo da tempada, cun Nigeruk por debaixo do seu nivel

13 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis xornadas levaba gozando o Vilagarcía Cocinas Bulthaup da pertenza ao grupo de equipos punteiros da Superdivisión. Ocupando o sexto e último posto con dereito a disputar a vindeira tempada competición europea. Un intervalo histórico na histórica campaña de debú do primeiro club arousán en pisar a elite do tenis de mesa español. Desde aquel 4-1 sobre o C.E.R. L’Escala do 21 de xaneiro e ata o pasado domingo, o cadro de Antonio Castro mantivérase na praza de privilexio cun balance de tres triunfos (2-4 sobre o A.D. Vincios, 4-1 co Arteal -Santiago, e o antes mencionado) e outras tantas derrotas (0-4 fronte ao DKV Borges Vall, segundo, 4-0 no local do Universidad de Burgos, e 4-1 no feudo do líder, Cajasur Priego). E nestas chegou o pechacancelas, C.T.T. Mediterráneo-Valencia, ao pavillón da rúa Castelao, obtendo o seu primeiro triunfo da tempada, 1-4, a costa de botar fóra da zona europea o Cocinas Bulthaup.

Tal e como temían no conxunto arousán, Qiyao Han, o chinés de 17 anos convertido na fichaxe de luxo no mercado de inverno da Superdivisión, resultou desequilibrante. Superando no primeiro duelo a un Sergei Nigeruk quen de gañar o primeiro xogo, 11-8, para caer despois 3-11/3-11/9-11, endosándolle logo ao internacional belga Jean Karim Lauric a súa primeira derrota coa camisola do Cocinas Bulthaup; iso si, nun trepidante partido que fixo as delicias dos espectadores. Con cinco xogos con resultado de 4-11/11-8/9-11/11-4/7-11, o último, despois de que Lauric chegase a ir 7-5 arriba.

Entre un e outro punto do chinés, o belga do Vilagarcía T.M. superaba 11-7/11-5/12-14/11-5 a Libre Sancho, para acto seguido ver como Andrés Correa ampliaba o seu pleno de derrotas na Superdivisión perdendo a mans de Reinier Cabezas. Este último deu a sorpresa ante Nigeruk, que moi por debaixo do seu tenis de mesa habitual, encaixou un 6-11/5-11/6-11 que cortou toda posibilidade de conseguir un empate que tivera mantido o Cocinas Bulthaup nunha sexta praza hoxe ocupada polo San Sebastián de los Reyes cos mesmos 16 puntos sumados.