O Rial e o Tenis Arousa promoven o primeiro circuito en Galicia para afeccionados

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Tenis Organizarán cinco probas xunto co CCD Sanxenxo, Mercantil e CT Pontevedra no marco dunha nova competición da RFET

14 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afeccionados ao tenis con ganas de sentir a sensación da competición en primeira persoa teñen xa a maneira de conseguilo sen necesidade de se federar. O C.T. O Rial e o Tenis Clube Arousa de Vilagarcía veñen de poñer en marcha o primeiro circuito para tenistas afeccionados de Galicia da man do Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo, do Mercantil Pontevedra e do C.T. Pontevedra. Con cinco torneos limitados a amantes da práctica da raqueta que non estean federados ou que, estándoo, non sumen máis de 3 puntos na clasificación nacional, cun nivel de iniciación ou intermedio, e sen límite de idade. Unha iniciativa que polo camiño se atopou co descubrimento do Circuito Aficionados que, tras unha experiencia piloto no 2017, impulsa este ano a Real Federación Española de Tenis (RFET), e baixo cuxo paraugas situaron os cinco clubs pontevedreses a súa iniciativa, pioneira en Galicia.

Así o explica o director deportivo do C.T. O Rial e DM Sport, Daniel Otero Walters: «Para apoiarnos, os cinco clubs decidimos montar un circuito de base, non federado, para os afeccionados que se están a iniciar no noso deporte», e entón o tamén vilagarcián «Miguel Lapido, o director deportivo do Mercantil, comentou que lle soaba que a RFET estaba a fomentar este tipo de propostas. Investigou, e descubríu o Circuito Aficionados».

Contactada a Federación Española, o que ía ser o primeiro circuito para afeccionados de Galicia entrou a formar parte dunha competición con entre 150 e 200 torneos, e cun Master Nacional ao termo do calendario.

Sanxenxo abrirá a serie

O C.C.D. Sanxenxo organizará o primeiro dos cinco torneos pontevedreses, os días 24 e 25 do presente mes. Despois sucederánse a cita do Tenis Clube Arousa, nas pistas do complexo polideportivo municipal de Fontecarmoa o 26 e 27 de maio, a que xestionará o C.T. O Rial, o 9 e 10 de xuño, a do Mercantil Pontevedra, o 7 e 8 de xullo, e a do C.T. Pontevedra, o 28 e 29 deste mesmo último mes estival.

Os participantes serán encadrados en sete categorías de idade. Sub-6 -tenistas de 4 a 6 anos-, Sub-8 -7 e 8- e Sub-10 -9 e 10 anos-; Sub-12 -11 e 12- e Sub-15 -13 a 15 anos-; Absoluta -deportistas de 16 a 49 anos, nados entre 1969 e 2002-; e Veterán -a partir dos 50 anos-. E unha puntualización importante, non haberá distincións de xénero, só por nivel de xogo, polo que nenos e nenas, homes e mulleres, competirán xuntos.

Módicos prezos de inscrición e de seguro, e un Master Nacional

A fin de cinguirse ao espírito do Circuito Aficionados da RFET, e da propia proposta inicial dos cinco clubs pontevedreses, os torneos do C.T. O Rial, T.C. Arousa, C.C.D. Sanxenxo, Mercantil Pontevedra e C.T. Pontevedra exclúen, ademais de a calquera tenista federado con máis de 3 puntos na clasificación nacional, a xogadores que tiveran estado algunha vez durante a súa vida por debaixo do 5.000 na clasificación nacional, e a profesionais do tenis coma técnicos ou directores deportivos.

Máis aló destes requisitos curriculares, agás para os xogadores federados con menos 3 puntos os participantes no circuito para afeccionados deberán sacarse a Tenis Card, unha modalidade ideada pola Real Federación Española de Tenis para, por un módico prezo de 12 euros ao ano os menores de 16 anos e de 20 o resto, cubrir os deportistas cun seguro ante a posibilidade de calquera lesión.

A partir de aí, cada torneo terá un custe por participante de 10 euros para as categorías de nenos -menores de 16 anos- e de 12 para os adultos, e de 16 e de 20 nos cadros de dobres. A primeira inscrición do ano contará cun desconto do 25 %, quedando os prezos en 7,5 e en 9 euros, nos cadros individuais, e de 12 e de 15 nos de dobres sempre e cando sexa a primeira inscrición para os dous integrantes da parella. Os tenistas só poderán competir nun cadro por torneo.

Inscrición vía web

Cada club habilitará uns días antes do torneo un espazo ben visible na súa correspondente web como única vía para a inscrición.

O Circuito Aficionados conta con seu propio sistema de clasificación anual, con cada categoría e nivel cun ránking propio que ao termo do calendario reunirá as 64 mellores raquetas de España no Master Nacional.

Os cinco torneos pontevedreses lucirán a cartelería e contarán co material e cos trofeos do Circuito Aficionados da RFET, en liña coa intención da Federación de poñer en marcha unha serie de torneos moi coidados a nivel organizativo a fin de que o xogador afeccionado se sinta como nun torneo profesional.