A muller que convence nun «mundo de homes»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Vilagarciá de puro corazón, a forza e a convicción de Isabel definen a, quizais, única presidenta no rugby español

05 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vehemente. Franca e directa. E botada adiante cando se trata de facer o que cre que debe facer. Así é Isabel Fernández Moreira (Santiago de Compostela, 9/III/1969). Así a perfilan as súas propias palabras, que encadea con fluída rapidez sen medo a escravitudes non pensadas. Será por todo iso que teña encaixado tan ben nun «mundo de homes» como di, sen reparos, que segue a ser o rugby. Ou quizais o rugby resulte, polos seus elevados valores, un deporte cheo de homes sen complexos. A naturalidade coa que a nosa cociñeira se sente recibida no mundo do balón oval desde que hai dous anos aceptaba relevar a Fito Brea na presidencia dos Ingleses R. C. invita a ser optimista, e pensar que, se está no certo sobre a súa condición única, máis pronto ca tarde deixe de ser a solitaria mandataria nun club de rugby español.

Coma se dun balón oval golpeando o chan se tratase, a vida de Isabel presenta cambios de direccións impredicibles que a acabaron levando á liña de ensaio dos Ingleses. Picheleira e diplomada en Enfermería, «hai 26 anos que vivo en Vilagarcía», conta. «Casei cun vilagarcián, e traballador de Larsa. En Vilagarcía tiven dous fillos, ingleses, e vilagarciáns de pro como o pai». E con ela a capital arousá atopou unha embaixadora sen igual. «Aquí teño as miñas grandes amizades. Adoro Vilagarcía. Ten de todo. É unha cidade fantástica para criar a dous rapaces», conta aos catro ventos.

Vivir no municipio dos Ingleses foi o primeiro paso de Isabel cara á súa presidencia. O seguinte veu dado haberá uns oito anos. «Nunha Festa do Deporte atopamos Os Ingleses facendo unha demostración na Praza de Galicia. O meu fillo maior, Alejandro, díxome que quería probar». Detrás del foi seu irmán Álvaro. «Eu practicara baloncesto, atletismo... pero sen engancharme. Creo no deporte como unha actividade complementaria para os nenos, e se son bos, verase co tempo. Nos Ingleses fomos recibidos cos brazos abertos. Preocupábanse polos rapaces como deportistas, pero antes como persoas».

Xestora desde hai 25 anos das tres unidades de diálise que a multinacional sueca Diaverum ten concertadas co Sergas en clínicas de Vilagarcía, de Pontevedra e de Santiago, Isabel estaba chamada a chegar onde está: «Fito animoume a colaborar co club, e fíxeno. Se eu creo que o rugby lles fai ben aos meus fillos, que lles está axudando a facerse persoas, entendo que pode ser bo para outros nenos. E se queremos que deportes minoritarios como o noso crezan, temos que colaborar. Eu non teño tempo, pero creo que hai que sacalo de onde non se ten para este tipo de cousas».

Quizais porque xa a fora coñecendo, hai dous anos Fito Brea convocou un día a Isabel a unha xuntanza cos adestradores do club. O entón presidente «soltou que eu era a persoa axeitada para crear grupos de traballo e coordinalos, e preguntou se estaban de acordo en que debía ser a nova presidenta. Eu non tiña nin idea!», recorda. Tras a sorpresa inicial, «funme animando, e nunha semana decidinme. Pola confianza e polo apoio desde o primeiro minuto de todos, directiva, adestradores, e xogadores». Non o nega, «foi unha transición persoal complicada», na que agradece en especial o apoio de Ju Santórum. «O rugby é un mundo de homes», afirma Isabel. E ao mesmo tempo, descubriu, «é un mundo respectuoso. Sempre sentín recoñecido o meu labor, tamén por outros clubs. En ningún momento notei algo que me fixera sentir menos presidenta por ser muller». Nin cando, di, «poño firmes os xogadores sen ningún miramento» porque toca facelo. Certo é, son as menos das veces, nunha persoa que sostén que «non me gusta berrar. Gústame convencer».

Tras gozar dunha tempada «impresionante», co primeiro cadro xogando o ascenso, Isabel está entusiasmada co novo proxecto do club: «Imos difundir nos colexios de Vilagarcía e da comarca a cultura do rugby». Deste xeito pretende, entre outras cousas, camiñar cara o soterramento desa idea absurda de que o rugby non é para as mulleres, especialmente instalado entre as nais das nenas, lamenta Isabel, nun problema global que fai que non máis dun par de clubs galegos conten con cadro sénior feminino nun deporte no que, miren vostedes, rapaces e rapazas poden competir mesturados ata os 18 anos.

Antes, en cuestión de días, A Isabel Fernández tocaralle levar a voz cantante, que non solista, adianta, na lectura do pregón das Festas de San Roque en nome dos Ingleses co gallo do seu 30.º aniversario. Unha honra que agradece ao Concello de Vilagarcía, pero tamén un «recoñecemento que creo que merece», sinala, un club que ano tras ano escolta o patrón dos seus veciños, San Roque, e os Reis Magos de Oriente. E que está aí para quen o precise, fácil de convencer pola forza da razón, ou do corazón.