O Arousa encara a final do domingo cun 33 % de opcións de ascender

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Só tres das nove combinacións posibles lle darán o título fronte ao Fabril. O club pon dous autobuses a disposición dos afeccionados para viaxar a Vilalba

18 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Con sufrimento, moito máis do que facía pensar o visto na primeira parte fronte ao Somozas, pero finalmente, dous tantos de Sylla e de Jorge Fajardo no treito final do encontro permítenlle ao Arousa e á súa afección soñar con dar a machada este domingo, e arrebatarlle sobre a bucina ao Deportivo Fabril o título de Liga e o ascenso directo á Segunda R.F.E.F. Conseguilo, con todo, non está só en mans do que faga o conxunto que dirixe Luisito Míguez. Logo de igualar a puntos co cadro herculino, que non pasou do empate sen goles en Abegondo fronte ao Racing Vilalbés, o Arousa precisa mellorar o que este vindeiro domingo faga o filial blanquiazul na derradeira xornada do campionato.

Sobre o papel, son nove as combinacións de resultados posibles no duelo a dous entre o Deportivo Fabril e o Arousa. E só tres delas, isto é, o 33 %, lle darían o gran premio en xogo a quen hoxe figura segundo na clasificación polo diferencial particular a prol do equipo coruñés grazas ao triunfo deste en Abegondo na segunda xornada de Liga, 2-1, e ao empate sen goles o 29 de xaneiro na Lomba.

Así as cousas, se os dous rivais gañan, empatan ou perden, a balanza decantaráse do lado do Deportivo Fabril. O mesmo sucederá se este último gaña e perde ou empata o Arousa, ou se o primeiro asina táboas na súa visita ao campo do C.D. Barco se o conxunto arlequinado perde no feudo do Racing Vilalbés.

Cales son as tres opcións que lle dan un 33 % de posibilidades de ascenso ao club arlequinado? Pois a derrota ou o empate do Deportivo Fabril á par da vitoria vilagarciá, ou ben un reparto de puntos entre o Arousa e o Racing Vilalbés que coincida co triunfo do Barco a costa do filial herculino.

Máis aló do frío cálculo probabilístico, un segundo factor xoga de principio en contra dun Arousa que non depende de si mesmo. E é que mentres este comparte o grao de motivación do Fabril, non sucede o mesmo cos cadanseu rivais este vindeiro domingo no campo. Porque mentres o Barco está xa descendido, o Racing Vilalbés debe defender a súa actual praza provisional na promoción de ascenso fronte ao empurre do Gran Peña Celta C, sexto a 2 puntos.

O club pon dous autobuses a disposición dos afeccionados para viaxar a Vilalba

«A idea é que quen queira ir a Vilalba non teña problema co transporte ata alí e nos poida axudar a gañar. Logo, se ascendemos ou non, é outra historia». O presidente do Arousa, Manolo Abalo, recoñecía que o ascenso «está complicado, porque o Deportivo B depende del, pero desde aquí imos facer todo o posible, e que a xente nos acompañe».

Ese todo posible do que fala Abalo sustanciábase onte no anuncio da posta a disposición de dous autobuses por parte do club para viaxar ao campo do Vilalbés, a 5 euros por persoa e gratis para os menores de 16 anos. O primeiro vehículo partirá ás 10.30 horas desde o bar A Abadía do Duque con aquelas persoas interesadas en comer, pola súa propia conta, en Vilalba antes do partido, e para anotarse nel hai que chamar ao 649 359 402. O segundo autobús partirá ás 14.15 horas de Vilagarcía e pódese apuntar nel no 691 932 873. Os interesados poden inscribirse tamén nas oficinas do club ou no mencionado bar.