Os traballadores da limpeza de edificios e de locais maniféstanse en Vilagarcía por un convenio digno
VILAGARCÍA DE AROUSA
Ao pé da entrada principal do Hospital do Salnés, primeiro, e diante da casa consistorial do Concello de Vilagarcía, despois, os voceiros dos traballadores expuxeron os motivos centrais da súa protesta
13 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dúas ducias de traballadores da limpeza de edificios e de locais mobilizarónse onte, por partida dobre, en Vilagarcía de Arousa. Fixérono para reivindicar a sinatura dun convenio colectivo digno para os empregados do sector na provincia de Pontevedra.
Ao pé da entrada principal do Hospital do Salnés, primeiro, e diante da casa consistorial do Concello de Vilagarcía, despois, os voceiros dos traballadores expuxeron os motivos centrais da súa protesta, convocada polo sindicato CIG. Principalmente, sinalaron a falta de acordos nunha negociación coa patronal iniciada en febreiro do ano pasado tras a finalización da vixencia do convenio colectivo anterior o 31 de decembro do 2022.
Dezaseis xuntanzas da mesa de negociación, varias mobilizacións e mesmo unha convocatoria de folga non terían achegado as conversas entre as partes ás dúas cuestións centrais reclamadas polos traballadores: a revisión anual dos salarios en liña á variación do IPC e unha redución anual da xornada.
Así as cousas, o mes pasado rompeuse a mesa de negociación e a parte social solicitoulle a Inspección de Traballo a súa personación no conflito como mediador.