O Concello de Valga investirá 59.000 euros na mellora dun camiño en Carracido
VILAGARCÍA DE AROUSA

Para o Plan Marco contan coa colaboración económica da Consellería do Medio Rural
30 jul 2024 . Actualizado a las 16:58 h.O Concello de Valga vén de licitar o proxecto de mellora dun camiño municipal no lugar de Carracido -Cordeiro- para reverter o seu estado de deterioro. A intervención conta cun orzamento de 58.774,53 euros e coa colaboración económica da Consellería do Medio Rural a través do Plan Marco.
As actuacións que recolle o proxecto inclúen a limpeza e varrido do terreo, o fresado do actual firme e a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente. Tamén está prevista a colocación de canalizacións do servizo de abastecemento de augas e sumidoiros para a recollida de pluviais.
Con estas obras trátase, explican desde o Concello, de mellorar as condicións de vida dos residentes na zona, dotándoos dunha estrada pola que poidan circular en condicións de seguridade. Darlle un pulo aos servizos nas aldeas mediante actuacións de mellora e mantemento das infraestruturas viarias é, precisamente, o obxectivo que persegue o Plan Marco.
As ofertas para optar á adxudicación desta obra poden presentarse ata o día 8 de agosto.