Catoira disporá dun operativo de limpeza extraordinario durante a Romaría Vikinga

Raquel Cocaño, S.G. CATOIRA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Adrián Baúlde

O Concello organiza un plan de traballo cun grupo de media ducia de persoas e establece restriccións ao tráfico durante toda a fin de semana

03 ago 2024 . Actualizado a las 12:05 h.

A Romaría Vikinga contará cun operativo de limpeza extraordinario. Así o anunciou hoxe o alcalde, Xoán Castaño, quen destacou que o obxectivo é que despois de todas as actividades de grande afluencia de público que se desenvolverán ao longo desta semana todos os espazos utilizados «queden en perfecto estado de revista».

Castaño destaca que o goberno local apostou por dar un novo protagonismo ao centro da vila ao acoller nas inmediacións da Casa Consistorial o novo mercado medieval e tamén os concertos do VikingMusic do sábado e domingo. Subliñou que, ao recibir aos milleiros de persoas previstas, dinamizarase toda a área economicamente, facendo do núcleo urbano un fervedoiro de xente, mais destacou que a intención é coidar ao máximo todas as consecuencias desa decisión. «Todas as rúas deberán estar limpas e saneadas para o seguinte día de actividades, sen que se note que as noites anteriores houbo festa. Queremos coidar ata o máximo detalle», destacou.

Así, durante a semana pasada pechouse o plan de traballo co grupo formado especificamente para a limpeza. Vénse de crear un equipo de media ducia de persoas encabezadas por un responsable que xa teñen certa experiencia en operativos semellantes. Os días de maior traballo serán o venres, sábado, domingo e luns, mais antes haberá traballo específico na zona das Torres debido ás representacións teatrais e ao concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

Cada día, dende as sete da mañá, desenvolveráse un percorrido por esas áreas e polo centro urbano (o sábado, domingo e luns) con reforzo de colectores, sopradores e outra maquinaria específica para que xa ás dez da mañá non quede rastro das actividades que alí se desenvolveron. En calquera caso, dende o Concello fan unha chamada ao bo comportamento das persoas participantes: «Haberá colectores e espazos habilitados para non ter que tirar nada ao chan e sabemos que a xente será moi cívica, polo que auguramos un éxito de participación e tamén de limpeza», subliña Castaño.

Cortes de tráfico dende o venres

Con motivo da instalación do mercado medieval e os concertos no centro da vila pola Romaría Vikinga, o Concello tamén vén de anunciar a prohibición do aparcamento na avenida da Ponte, Rúa da Estación e avenida Eloy Domínguez ata o luns ás 16 horas.

Ademais, prohibirase a circulación polas mesmas rúas dende as doce do mediodía de hoxe, 2 de agosto, ata o luns ás 16 horas. Só teñen autorizado o paso de maneira restrinxida e exclusivamente para acceso a garaxes de persoas residentes, carga e descarga de mercadorías dos negocios da zona e servicios oficiais. O acceso realizaráse exclusivamente dende o Paseo das Lombas.

Estará totalmente prohibido o tráfico entre as 16 horas de hoxe e as 6 horas da mañá do sábado, 3 de agosto. Tampouco se permitirá circulación de ningún tipo o 3 de agosto, entre as 10 e as 15 horas e entre as 17 ata as 6 horas do domingo 4. Entre as 10 e 15 horas dese día e dende as 17 ata as 6 horas do luns non se permitirá, de igual maneira. A parada de taxis desprázase á zona de estacionamento do Concello e a parada de autobús ás marquesiñas situadas na PO-548 en fronte do lateral da Casa Consistorial.

Pola súa parte, o programa para o sábado constitúe o prato forte da festa dos bárbaros, pois ao mediodía terá lugar o gran xantar viquingo, ás 14 horas. Mais o que conforma verdadeiramente o groso da festa é o VikingMusic da noite, ás 21 horas: Fillas de Cassandra, Malabesta, Rebeliom do Inframundo e Copa Turbo encherán as rúas da vila de música e ritmo como cabeza de cartel da programación.