O Concello de Valga repartirá máis de mil euros en premios co obxectivo de embelecer o municipio
VILAGARCÍA DE AROUSA
Os participantes ás diversas categorías deberán presentar a súa idea cunha memoria explicativa
09 ago 2024 . Actualizado a las 12:56 h.Unha trintena de colectivos e comisións veciñais participan este ano no concurso «Embelecer Valga» cos seus proxectos de mellora e acondicionamento de espazos e dotacións públicas, co obxectivo de ser proclamados coma o lugar máis fermoso. Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado no que se atopa o lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello aportará o material para a execución das obras, que terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando terá lugar a visita do xurado.
Á hora de outorgar os premios, valoraranse aspectos como a adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e o deseño de espazos verdes. O proxecto mellor valorado na categoría de «Mantemento» será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 e o terceiro, 200. Na modalidade de «Obra nova», os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.