As orquestras Marbella e Olympus actuarán en Valga no día grande da Festa da Anguía

Raquel Cocaño, S.G. VALGA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O próximo sábado, 25 de agosto, terá lugar a actuación de ambos grupos para pechar esta edición de festas

09 ago 2024 . Actualizado a las 17:43 h.

A Festa da Anguía e Mostra da Caña do País está ás portas dunha nova edición, a número 34, na que estes dous produtos tradicionais de Valga se converterán en protagonistas das actividades culturais, lúdicas e gastronómicas dirixidas tanto a veciños coma a visitantes chegados doutras localidades.

O día grande da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, terá lugar o sábado 31 de agosto, co parque Irmáns Dios Mosquera como centro neurálxico das actividades festivas. Os asistentes poderán degustar 1.000 tapas de anguía en cinco receitas diferentes: catro elaboradas polo cociñeiro Álex Iglesias e a quinta cociñada polo bar O Pontellón, que foi o gañador do primeiro premio da última edición da ruta «Tapa a Anguía» cunha tosta de anguía con queixo de cabra.

Precisamente dita ruta, que cumpre a súa undécima edición, será outra das alternativas para degustar este exquisito peixe. Participan os bares Caprichos, Potel, Maneiro, Palmera Beach, O Pontellón, Couceiro e Cafetería Auditorio, que servirán os petiscos de forma gratuíta coas consumicións os sábados 24 e 31 de agosto de 12 a 15 horas e de 20 a 23 horas, e os domingos 25 de agosto e 1 de setembro de 12 a 15 horas.

En canto á augardente, as persoas que se acheguen na noite do día 31 ao parque Irmáns Dios Mosquera poderán adquirir ata catro variedades de cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña terá lugar a demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación.

Outro dos actos relevantes da xornada central será a entrega de premios dos concursos de fotografía e receitas do «Agosto Gastronómico», o Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso para elixir o cartel anunciador da festa, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta «Tapa e Anguía». O pregón da festa correrá a cargo da valguesa María Esther Ordóñez Dios, presidenta do consello regulador Mel de Galicia e membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

No apartado musical, está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga e as actuacións das orquestras Marbella e Olympus.

Programa de actividades

Martes, 13 de agosto: haberá un showcooking chamado A caña no prato a cargo do chef Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña do País ás 21 horas.

Martes, 20 de agosto: terá lugar un novo showcooking, a cargo do chef Álex Iglesias, baixo o nome Universo Anguía. Tamén será no Centro de Interpretación da Caña do País ás 21 horas.

Xoves 22 e venres 23 de agosto: ás 20 horas no parque Irmáns Dios Mosquera comezará o concurso Anguía Chef.

Sábado 24 de agosto: pola mañá producirase unha visita aos lugares participantes no concurso «Embelecer Valga». De 12 a 15 horas e de 20 a 23, iníciase a décimo primeira ruta-concurso Tapa e Anguía coa participación dos establecementos Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio.

Domingo, 25 de agosto: de 12 a 15 horas continúase coa ruta Tapa e Anguía.

Martes, 27 de agosto: ás 21 horas comezará a demostración de coctelería Moito máis que caña, a cargo de Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña do País.

Xoves, 29 de agosto: ás 20 horas chega o momento da precata do concurso tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña, seguida do sorteo dos vales de compra da ruta Tapa e Anguía.

Venres, 30 de agosto: ás 20 horas presentarase a botella conmemorativa da 34 Mostra da Caña do País e ás 20.15 horas realizarase a cata final do concurso tradicional, no Centro de Interpretación da Caña.

Sábado, 31 de agosto: de 12 a 15 horas e de 20 a 23 horas continuarase coa décimo primeira ruta-concurso Tapa e Anguía, coa participación de Caprichos, Maneiro, Potel, Palmera Beach, Pontellón, Couceiro e Auditorio. Ás 16 horas chega o turno dos máis pequenos, coa festa infantil no parque Irmáns Dios Mosquera. Ás 17 horas, pola súa parte, demostrarase o destilado de caña do país no Centro de Interpretación da Caña. Ás 19 horas producirase a recepción das autoridades na Casa do Concello para dar paso ao pregón que fará María Esther Ordóñez Dios ás 20 horas. Media hora máis tarde entregaranse os premios aos gañadores dos concursos de fotografía e de receitas, seguida da actuación da Banda de Música de Valga. Degustaranse as tapas de anguía e cócteles ás 21.30 horas, anticipando as actuacións das orquestras de Marbella e Olympus, soamente interrumpidas pola queimada popular ás 00 horas e polo espectáculo de luces ás 00.30 horas. 

Domingo, 1 de setembro: de 12 a 15 horas continuarase coa ruta-concurso Tapa e Anguía, que pechará o período de festas.