O Concello de Catoira prevé finalizar a mellora das pistas de Areas e A Menda en dous meses
VILAGARCÍA DE AROUSA
O Concello de Catoira vén de recibir ofertas de seis empresas para realizar os traballos de mellora das pistas de Areas e de A Menda, na parroquia de Dimo. O alcalde, Xoán Castaño, anunciou este luns que os servizos técnicos municipais analizarán as propostas para escoller a oferta máis económica e con maior prazo de garantía, formalizar o contrato de maneira inminente e que as obras poidan estar rematadas no outono ou, cando menos, antes de finalizar este ano.
Castaño explica que as firmas interesadas son Covsa, Ponciano Nieto, EC Casas, Marconsa, Galsur e Construcciones Mauri e hijos. Ábrese agora o prazo para analizar a documentación por parte da aministración local e ver se algunha das firmas presentou unha «baixa temeraria», o que levaría a unha descualificación da proposta. Estímase que os prazos dos trámites burocráticos prolongaranse durante, «polo menos, un mes», segundo informa o Concello. Despois, a firma adxudicataria deberá subscribir a acta de reconsideración e finalmente haberá un mes para a execución dos traballos segundo o programa. Se non se produce ningún contratempo (tampouco por cuestións climatolóxicas), «as pistas poderán estar renovadas en pouco máis de dous meses», engaden dende o Concello.
A actuación está incluída dentro do Plan de asfaltados e melloras de camiños municipais posto en marcha polo goberno de Catoira e complementa as obras que tamén están previstas para este ano noutras sete estradas locais nas que se renovará a plataforma de rodadura, se mellorarán as drenaxes e, nalgúns casos, ampliaranse as seccións.
Segundo explica o alcalde, Xoán Castaño, o goberno local fixo unha valoración xeral do estado da rede viaria local e vai arranxar nun primeiro momento as que estaban nun estado máis deficitario despois de xestionar e conseguir fondos de diferentes administracións.
No caso das pistas de Areas e A Menda, en Dimo, o orzamento ronda os 50.000 euros, que chegarán na súa totalidade do Plan de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas cofinanciado polo Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xestionado pola AGADER. O único requerimento para facerse con estes fondos era que ambas estradas tiñan que dar acceso a un mínimo de dúas parcelas de uso agrícola en activo, xa ben viñedo ou arables para calquera outro cultivo.
No caso da pista de Areas, actuarase sobre unha lonxitude de 587 metros e unha superficie de 2.155 metros cadrados, mentres que na de A Menda a lonxitude será de 545 metros e a superficie de 1.910 metros cadrados. Nelas faranse melloras que reforcen o firme existente coa incorporación de novas capas de rodadura máis axeitadas ás características do tráfico que soportan, e tamén actuacións de seguridad viaria, drenaxes, noiros, reforzos de cunetas e sinalización.